Logo RB
Logo Ribadumia
  • Galego
    • Español ES Español
    • Galego GL Galego
  • O tempo
    • Ribadumia
    • Santiago de Compostela
    • A Coruña
    • Lugo
    • Ourense
    • Pontevedra
    • Galicia
    • Perfil
    • Correo web
    • Axenda
    • Alta de incidencia
    • Historial de conexións
    • Meus Documentos
    • Administración
    • Bloquear pantalla
    Desconectar

ACTUALIDADE - ÚLTIMAS NOVAS

  1. Páxina inicial
  2. Grupos
  3. ACTUALIDADE
  4. ÚLTIMAS NOVAS

Relación de entradas

  • Agregar entrada
  • Agregar apartado

146 Entradas


  • Imagen
    Nenas e nenos do CPI Julia Becerra Malvar visitan o Concello 17/4/18

    O Concello de Ribadumia informa de que os nenos e nenas de terceiro de primaria do CPI Julia Becerra Malvar realizaron onte unha visita pola casa consistorial de Ribadumia. Durante a actividade, os cativos pasaron polos diferentes departamentos do Concello, onde se lles foi explicando o funcionamento de cada un deles. Dende o rexistro á alcaldía, pasando por cultura, o xulgado de paz ou tesourería, as rapazas e rapaces formularon todas as súas dúbidas e tomaron boa nota do traballo que se realiza no Concello. Ademais, tiveron a oportunidade de estar uns minutos co alcalde, David Castro, e de ocupar os asentos dos representantes de Ribadumia no Salón de Plenos, onde se lles explicou o labor do rexedor e os concelleiros dos catro partidos políticos presentes na corporación municipal. Trátase dunha saída que o CPI organiza case tódolos anos e que axuda aos pequenos a coñecer mellor o seu municipio, así como o funcionamento dos entes de goberno local. Pero esta visita non é a única que teñen realizado os alumnos e alumnas do colexio de Ribadumia. As pasadas semanas foron moitas as actividades e excursións coas que os rapaces aprenderon, coñeceron lugares diferentes e se divertiron. Os cativos de terceiro de primaria, por exemplo, tiveron unha xornada de descubrimentos no Museo de Pontevedra, onde se trasladaron á prehistoria e antigüidade galegas. Ademais, puideron visitar os petróglifos de Campo Lameiro e, xunto aos nenos e nenas de segundo de primaria, acudiron ao Salón do Libro de Pontevedra. Os máis pequenos do cole, dos cursos de infantil, aprenderon a importancia das abellas en “Apípolis”, e os de sexto visitaron os animais do refuxio de Cambados, co que colaboran activamente dende unha cooperativa constituída por eles mesmos o pasado curso. Por último, o colexio desenvolveu actividades relacionadas coa educación contra a violencia e os prexuízos, con charlas sobre o acoso e os estereotipos de xénero no ámbito profesional.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    Convocatoria para a Sesión Extraordinaria do Pleno Municipal do 17 de abril de 2018 17/4/18

    Hoxe, martes 17 de abril de 2018, levarase a cabo unha sesión Extraordinaria do Pleno Municipal no Salón de sesións da Casa Consistorial, ás 20:00 horas, para tratar os puntos da orde do día que podedes consultar no arquivo adxunto.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    Nenas e nenos do CPI Julia Becerra Malvar desenvolven actividades de sensibilización contra os estereotipos profesionais 13/4/18

    O Concello de Ribadumia informa de que o Centro de Información á Muller do Salnés comezou, no CPI Julia Becerra Malvar, as xornadas de sensibilización contra os estereotipos de xénero no ámbito profesional. Xoves e venres foron os días elixidos para as charlas no colexio de Ribadumia, charlas que, a partir da vindeira semana, continuarán percorrendo outros centros da comarca. Durante a xornada, desenvolvéronse varias actividades en torno aos estereotipos profesionais asumidos pola maioría da sociedade, eses que nos levan a identificar un determinado cargo ou profesión cunha persoa dun xénero concreto. Neste sentido, os cativos realizaron unha actividade na que lles pediu que debuxasen a súa idea de dous traballadores de ámbitos tipicamente considerados masculinos: o fútbol e as carreiras automobilísticas. Tras a parte imaxinativa, chegou o momento de coñecer a realidade: Carla Vázquez, piloto de carreiras e Sandra Diz, adestradora e xogadora de fútbol, presentáronse ante as rapazas e os rapaces, entre os que apareceron caras de abraio que demostraban que, en pleno século XXI e incluso entre os máis cativos, a sociedade continúa transmitindo ideas que promoven o sexismo. Pero a incredulidade transformouse pronto en admiración, coa que nenas e nenos comezaron a lanzar decenas de preguntas a estas dúas mulleres, pioneiras –Carla é a primeira muller piloto de Galicia nas categorías nas que compite- que loitan no seu día a día con estes prexuízos. Finalmente, foron moitos os que se achegaron a pedir autógrafos ás deportistas. Ademais de concienciar aos nenos e nenas, o CIM elaborará, cos datos recollidos en cuestionarios feitos por eles, unha estatística que axude a coñecer o estado dos estereotipos profesionais na comarca do Salnés.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2
    • Arquivo adxunto-3

  • Imagen
    Ribadumia participa no III Encontro da Rede Nacional da Cidade das Nenas e dos Nenos 27/3/18

    O Concello de Ribadumia informa de que ven de participar no III Encontro da Rede Nacional das Nenas e dos Nenos, celebrado durante a pasada semana en Huesca. No encontro, diferentes concellos, universidades, asociacións... tiveron a oportunidade de coñecer as claves para a construción de cidades inclusivas, que promovan e avoguen polo benestar dos seus habitantes, especialmente nenas e nenos, pero tamén anciás, persoas con diversidade funcional, etc. Así mesmo, os participantes puideron intercambiar opinións sobre como acadar estes obxectivos e facer que as comunidades establezan como prioritaria a creación de cidades respectuosas co medio ambiente e os veciños que as habitan, accesibles e sostibles, contando coa participación activa dos nenos e nenas, futuro de toda sociedade. O proxecto da Cidade das Nenas e dos Nenos, creado e promovido polo psicopedagogo Francesco Tonucci, está en marcha desde 1991, e vense debatendo en diferentes cidades españolas dende o 2016, ano en que se produciu o primeiro encontro en Granada, relevada en 2017 por Pontevedra. Este ano, o concello de Ribadumia, representado polo concelleiro de Urbanismo e Servizos Sociais, Enrique Oubiña, participou por primeira vez no encontro, onde tivo a ocasión de entrar en contacto con esta rede, coñecer en profundidade as súas características e formulacións e analizar casos reais e concretos, como o do municipio que acollía este terceiro encontro. Ribadumia busca situarse, deste xeito, entre os territorios que, a nivel nacional e internacional, avogan por un crecemento sostible, no que veciños e veciñas se vexan incluídos, un deseño de sociedade que apoie a participación infantil na vida social, participación, en definitiva, dos futuros cidadás e cidadáns.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2

  • Imagen
    A Oficina de Turismo abre as súas portas durante a Semana Santa 27/3/18 - 02/4/18

    Con motivo da chegada da Semana Santa, a Oficina de Turismo do municipio permanecerá aberta dende mañá, martes 27 de marzo, e ata o vindeiro luns, 2 de abril, ámbolos dous incluídos. Podedes consultar o horario detallado no arquivo adxunto.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    A Biblioteca de Ribadumia muda os seus horarios 26/3/18

    O Concello de Ribadumia informa que, na procura de mellorar os servizos que a biblioteca Francisco de Asís Fraga Castro “Cuco” ofrece aos veciños e veciñas do municipio, establécense uns novos horarios de apertura ao público da mesma. Tras varios meses observando a escasa ou nula afluencia de usuarios durante determinadas horas, o Concello de Ribadumia decidiu establecer un novo horario máis acorde cos hábitos dos veciños á hora de facer uso dos servizos de biblioteca municipal. A pasada tempada, o edificio mantíñase pechado durante os martes e aberto os sábados pola mañá. Sen embargo, a escasa presencia de visitantes durante a fin de semana, unida ás peticións dalgúns veciños para ter a posibilidade de facer uso das instalacións tamén os martes, fixo que o Concello decidise modificar o horario. Agora, o recinto permanecerá aberto de luns a venres en horario de 15:30 a 21:30, momento no que os veciños e veciñas poderán desfrutar da lectura ou realizar tarefas de estudo. Así mesmo, o Concello informa de que, durante o período de Semana Santa, a biblioteca permanecerá pechada os días festivos. Deste xeito, o servizo estará sen actividade dende o xoves 29 ata o luns 2, ámbolos dous incluídos.

  • Imagen
    O Auditorio de Ribadumia acolle ata o 27 de abril unha Exposición de Pintura e Escultura de Artistas Locais 10/3/18 - 27/4/18

    O Concello de Ribadumia informa de que, co obxectivo de promover o desenvolvemento cultural e artístico do municipio, estase a celebrar no Auditorio Municipal unha Exposición de Pintores e Escultores Locais. José Martínez Castro, Albino Abal Barral, Lorena Vázquez Rosal, Javier Padín Pazos, Ramón Cores, Alicia Castro Martínez, Artesanía Miguel Ángel, Enrique López, María José Martínez e artistas da asociación cultural Alecrín, son os encargados de encher coas súas obras o Auditorio de Ribadumia, nunha exposición que permanece aberta ao público dende o pasado sábado, 10 de marzo, e ata o 27 de abril. Así mesmo, o Concello está a organizar xa exposicións monográficas, que se espera poidan comezar en outubro do presente ano e nas que os mesmos artistas presentarán, de xeito individual, as súas creacións. Con esta iniciativa, promovida polo Concello e co apoio da Deputación de Pontevedra, preténdese dar impulso e visibilidade a artistas da vila, así como promover o desenvolvemento cultural e artístico de Ribadumia. Como destacaba o alcalde, D. David Castro, na inauguración da mostra, “cando nos demos conta de que neste concello había tantas persoas que facían arte, tomamos a decisión de organizar este evento, para poñer en valor, recoñecer e apoiar o traballo que realizan. O Concello de Ribadumia vai seguir traballando neste tipo de eventos que promocionan o municipio e o labor dos veciños”. Así mesmo, a Concelleira de Cultura, Mar Rey, quixo destacar a “enorme satisfacción que nos levamos cando quixemos por en marcha este proxecto e vimos a cantidade de artistas que temos en Ribadumia, na súa maioría afeccionados que ocupan o seu tempo libre en pintar, esculpir e demais, pero que contan cunhas obras dunha calidade formidable”. A esta inauguración, que tivo lugar o pasado sábado 10 de marzo ás 20:30 horas, acudiron, ademais dos propios artistas, representantes de asociacións culturais do municipio e de entidades comarcais, así como personalidades e veciños da vila. O Concello agradece a participación de todos eles xa que, coa súa colaboración en iniciativas deste tipo, fan a Ribadumia máis grande. A exposición permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 27 de abril, durante a hora previa á celebración de outras actividades no Auditorio de Ribadumia. Ademais, todos aqueles que o desexen poderán solicitar unha visita en horario diferente, previa cita nas oficinas do Concello ou no 986 71 84 91.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    Ábrese o prazo de reserva de praza na Escola Infantil Municipal de RIbadumia 12/3/18 - 25/4/18

    Dende hoxe e ata o 25 de abril, queda aberto o período de reserva de praza na Escola Infantil Municipal de Ribadumia para o curso 2018-2019. As solicitudes de admisión poderán recollerse nas oficinas do concello ou na gardería. Podedes consultar os criterios de admisión no arquivo adxunto.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    Ribadumia arranca unha semana dedicada á muller 06/3/18 - 11/3/18

    .- O Concello de Ribadumia informa que, con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, celebraranse no municipio diversos actos ó longo da semana. O martes arrincaban os actos que o Concello de Ribadumia organiza polo Día Internacional da Muller, actos que durarán ata o vindeiro domingo 11, cando a actriz Isabel Risco peche a “Gala da Muller Traballadora” co seu espectáculo humorístico, “As aventuras de Nabiza Girl”. A artista dará vida a unha “superheroína galega e rural”, nunha actuación chea de humor e enerxía ofrecida despois da gala que o Concello dedica a tódalas mulleres de Ribadumia. Nesta breve cerimonia, ademais, unha das mulleres de máis idade do municipio recibirá unha homenaxe en nome de tódalas donas da vila, que terán tamén un pequeno agasallo se se achegan ao Auditorio. A partir das 19:00 horas, todos os que o desexen poderán acudir ao Auditorio de Ribadumia e participar no acto, así como no espectáculo posterior, con entrada libre e para tódolos públicos. Pero son moitos máis os eventos que se están a relizar no Concello durante esta semana. O mércores 7 de marzo, celebrouse unha “Xornada de emprendemento feminino”. Mañá, venres, 9 de marzo, as interesadas terán a oportunidade de coñecer máis sobre si mesmas ou xeitos de crear obxectivos medibles a nivel persoal e profesional no “Taller de empoderamento feminino” que se celebrará na Casa da Cultura ás 20:00 horas. Todas aquelas que queiran participar deberán inscribirse previamente nas oficinas do concello ou nos teléfonos 986 71 84 91/99. Por último, hoxe, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, O Concello e o CPI Julia Becerra Malvar farán lectura dun manifesto, ás 12:00 horas no Concello.

  • Imagen
    Suspensión da clase de patinaxe 07/3/18

    Por motivos de forza maior, comunícannos que hoxe, mércores 8 de marzo, queda suspendida a actividade de patinaxe das DepoEscolas. Desculpen as molestias.

  • Imagen
    Convocatoria ´para a Sesión Ordinaria do Pleno Municipal do 1 de marzo de 2018 01/3/18

    Mañá, mércores 1 de marzo de 2018, levarase a cabo unha nova sesión Ordinaria do Pleno Municipal no Salón de sesións da Casa Consistorial, ás 20:00 horas, para tratar varios puntos da orde do día que podedes consultar no arquivo adxunto.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    O Concello de Ribadumia continúa co plan de renovación da rede wifi pública 26/2/18

    O Concello de Ribadumia informa de que, coa pretensión de mellorar o acceso de veciños e veciñas do municipio á rede wifi pública, está a piques de rematar o proxecto para a apertura de canles que permitan a instalación de fibra óptica. O Concello está a realizar, dende comezos deste 2018, todas as obras necesarias para a mellora e renovación da rede wifi no núcleo urbano de Barrantes, rede que permitirá o acceso público e gratuíto á intenet. O proxecto, que deu comezo o pasado ano, pretende solucionar os problemas da rede existente dende 2007, sen funcionar polo deterioro dos repetidores. Ademais, nesta ocasión a conexión farase mediante a fibra óptica, o que permitirá un acceso á rede máis rápido e con menos problemas de conectividade. As obras atópanse xa a piques de rematar nas zonas da Avenida Bouza Martín, na Rúa Valle Inclán, na Rúa Mimosas e no Calexón Loureiro, cun presuposto que ascende aos 12.300,41€. Destes, 7.481,56 están destinados ás canalización subterráneas, 860,99 a instalacións e limpeza das arquetas e 200 á xestión dos residuos ocasionados. Tras a realización deste traballo, os alumnos do Obradoiro Tecnolóxico do Salnés, que se ven impartindo na Casa da Cultura de Ribadumia dende o pasado mes de setembro, levarán a cabo a instalación da fibra óptica no desenvolvemento das súas prácticas.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2

  • Imagen
    O xurado elixe aos gañadores do II Concurso fotográfico e o II Concurso artístico Infantil Concello de Ribadumia 22/2/18

    O Concello de Ribadumia informa que, con motivo da celebración da “II Xornada Internacional da Camelia” no Pazo Quinteiro da Cruz, se están a celebrar no municipio varios actos relacionados con esta temática. Neste sentido, produciuse xa a elección por parte do xurado dos gañadores do “II Concurso Fotográfico Concello de Ribadumia”, así como do “II Concurso Artístico Infantil Concello de Ribadumia”, ambos baixo o tema da camelia. Durante a deliberación ,os membros do xurado, formado por un representante do Pazo Quinteiro da Cruz, dous membros da Asociación de fotografía Ollares de Portonovo e un representante do Concello, elixiron o primeiro e segundo premio en cada un dos certames. En canto ao certame infantil, cabe destacar que, nesta edición, o xurado non puido decantarse claramente por un sub-campión, producíndose un empate. É por iso que o Concello decidiu conceder dous segundos premios. Os galardóns serán entregados aos gañadores o vindeiro domingo, día 25 de febreiro, ás 19:00 horas, no Auditorio de Ribadumia. As fotografías e os traballos presentados estarán expostos ao público no Auditorio Municipal de Ribadumia, así como na web do Concello e nas redes sociais oficiais. Ademais, o gañador desfrutará dun vale de 50 euros, mentres que quen acadara o segundo lugar recibirá un curso de fotografía valorado en 40 euros. Os gañadores no concurso Artístico Infantil, así mesmo, desfrutarán dun vale de 50 € no caso do primeiro premio, e un vale de 40€ para os segundos clasificados.

  • Imagen
    A Biblioteca de Ribadumia abre as súas portas aos cativos do CPI Julia Becerra Malvar 15/2/18

    O Concello de Ribadumia informa que o pasado xoves, 15 de febreiro, visitaron a Biblioteca Francisco de Asís Fraga Castro “Cuco” os pequenos e pequenas de primeiro de primaria do CPI Julia Becerra Malvar. Con motivo do concurso de postais organizado en nadal polo Concello de Ribadumia, no que os rapaces participaron deseñando unha mascota para a biblioteca, os alumnos interesáronse especialmente en coñecer a historia do ribadumiense que hoxe da nome á biblioteca. Deste xeito, as cativas e cativos se achegaban un par de horas pola Casa de Cultura, onde tiveron a oportunidade de coñecer algo máis sobre vida deste primeiro bibliotecario no municipio de Ribadumia. Un dos veciños máis activos no eido cultural, o coñecido agarimosamente como “Cuco” traballou na biblioteca dende antes da construción do novo edificio, e promoveu a cultura ata a súa morte, no ano 2010. Tras recordo de Francisco de Asís Fraga Castro, os cativos puideron achegarse tamén un pouco máis á vida e a obra da homenaxeada este 2018 polo día das letras galegas, María Victoria Moreno, nada en Cáceres pero amante da literatura en galego, á que contribuíu activamente. Ademais, o novo bibliotecario amosoulles as instalacións e a historia do edificio, así como o funcionamento e as normas que se deben seguir na biblioteca. Por último, as nenas e nenos puideron desfrutar coas manualidades, debuxando e pintando os seus propios marcapáxinas

  • Imagen
    Tania Veiras estreará o seu novo espectáculo en Ribadumia 14/2/18

    Xa se atopan a venda as entradas para asistir ao novo proxecto musical da artista Tania Veiras, que se presentaba onte no Auditorio de Ribadumia. “Morriña”, que se estreará o próximo 4 de marzo, inicia a súa xira en Ribadumia grazas á Comisión de Festas de Ribadumia e en colaboración co Concello e a Deputación de Pontevedra. O proxecto, dedicado á emigración galega, nace da man de Nicolás Marrero, e contará coa presenza de Pedro da Devesa e Manuel Liste como artistas invitados. Música danza e humor serán os ingredientes desta nova obra da cantante, da que xa se poden adquirir as entradas por 5€.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    Desenvolvemento do Plan de mellora de Camiños Municipais 2017-2018 12/2/18

    O Concello de Ribadumia informa que, con obxecto de satisfacer as demandas dos veciños do municipio, continúa en marcha o Plan Marco de Mellora de camiños municipais 2017-2018, en colaboración coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Dende o arranque deste plan, o Concello está a piques de rematar as melloras do Camiño Revolta, na parroquia de Besomaño, cunha superficie de 564 m2. Así mesmo, continúan as obras para a renovación do Camiño Cruz, en Lois (651 m2), e dos Camiños Espiñedo (744 m2) e Mamuela (521m2), ambos na parroquia de Ribadumia. O orzamento total previsto para o remate destas obras, incluíndo a contrata e o control de calidade, ascende a cantidade de 45.920,89€, dos que 37.425,96€ corresponden á execución material da mesma, ascendendo o presuposto de contrata a 44.536,89€. A esta cifra debe sumarse o mencionado control de calidade, cifrado en 1.384€. Con este proxecto, en marcha dende o pasado ano 2017, o consistorio pretende mellorar varias vías de acceso no rural de Ribadumia, coa conseguinte mellora na calidade de vida dos veciños do municipio.

  • Imagen
    Ábrese o prazo para inscribirse no “Taller de tinta china” 09/2/18

    O concello de Ribadumia informa de que hoxe, 9 de febreiro, se abre o prazo para a inscrición no “Taller de tinta china”, que terá lugar o próximo sábado, 24 de febreiro. O obradoiro, dirixido a nenos e nenas dende os 6 anos, celebrarase de 10:45 a 12:00 horas na casa da Cultura de Lois. No taller, organizado polo Pazo Quinteiro da Cruz e o Concello de Ribadumia, os pequenos poderán divertirse e aprender algunhas noción de pintura e caligrafía china da man de Tian Fangyiy Wang Quan. Todos aqueles que estean interesados en participar, poderán anotarse nas oficinas do Concello, de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00 horas, ata o vinte de febreiro ou ata esgotar as vinte prazas dispoñibles.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    O Concello de Ribadumia organiza un curso de inglés de atención ao cliente 06/2/18 - 15/2/18

    O Concello de Ribadumia informa que xa se atopa aberto o prazo de inscrición para o curso de “inglés de atención ao cliente” para adultos, que dará comezo o vindeiro xoves 15 de febreiro. O Concello pretende, deste xeito, achegar aos veciños e veciñas de Ribadumia novas posibilidades de aprendizaxe de idiomas, que fomenten o acceso a áreas de traballo relacionadas coa atención ao cliente, unha formación cada vez máis necesaria nunha comarca especialmente turística como a do Salnés. O curso, cun custo de 20€ ao mes, será impartido por unha profesora titulada no Local das Mulleres Rurais durante cinco meses, en horario de 20:30 a 22:00 os luns e xoves. Todo aquel que desexe participar deberá inscribirse nas oficinas municipais, ou solicitar máis información nos teléfono 986 71 84 91/99 ou en cultura@ribadumia.org

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    O cartel da XVI edición da Festa do Pan recoñecido co 1º premio no concurso de carteis de Xantar 05/2/18

    O Concello de Ribadumia informa que onte se deron a coñecer os gañadores dos premios do concurso de carteis que cada ano se realiza durante a Feira Xantar en Ourense. A dito concurso se presentaron máis dunha treintena de carteis de festas gastronómicas repartidas por toda Galicia. E o resultado foi que o xurado entregou tres premios, sendo o 1º premio para o cartel da XVI Festa do Pan do Salnés do Concello de Ribadumia. Festa que se celebra todos os anos o 2º sábado de agosto e que acolle a un millar de persoas entorno a Carballeira de Ribadumia e a tradición da moenda. Por méritos propios, por suposto, cabe citar e destacar o papel do creador de dito cartel, Pepe de Noia. Pepe de Noia, veciño de Ribadumia e pintor, é o autor non só dos últimos carteis da Festa do Pan, se non tamén da imaxe da Festa do Tinto dende hai numerosos anos. Ademáis de destacar que as súas obras forman parte de diferentes exposicións en varios puntos da provincia. Aproveitamos así a ocasión para agradecer a súa labor coa realización destes carteis, así como agradecer unha vez máis a todos os que colaboran cada ano coa Festa do Pan para que todo saia ben, e Ribadumia sexa punto de encontro para os turistas e visitantes.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    A Festa do Tinto e a do Pan marcan a promoción de Ribadumia en FITUR 22/1/18

    O Concello de Ribadumia informa que na presente feira de FITUR, no stand co que conta Turismo de Galicia, están a centrar a promoción do municipio a Festa do tinto e a Festa do pan. Dende o pasado día 17, no cal dou comezo a feira, o alcalde David J. Castro Mougán está representando a Ribadumia na mesma, así como difundindo as súas riquezas, gastronómicas, paisaxísticas, arquitectónicas e por suposto de ocio. Nesta categoría de ocio destacan por suposto as dúas principais citas anuais no noso concello, posto que miles de persoas pasan por Ribadumia durante a súa celebración, sendo estas por suposto por un lado a celebrada o primeiro fin de semana de xuño, a Festa do Viño tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas, e por outra banda, a celebrada a segunda fin de semana de agosto, a Festa do Pan. Por outra banda, a difusión paisaxística está centrada na Ruta da Pedra e da Auga, espazo que da a benvida a Ribadumia a numerosas persoas ó longo de todo o ano posto que é o paraxe perfecto tanto para os amantes da natureza, como aqueles que buscan un lugar de tranquilidade. Estas accións de promoción achegan Ribadumia a potenciais visitantes que virán a incrementar os fabulosos datos estadisticos do último ano, onde o porcentaxe de novos visitantes tanto nacionais como estranxeiros era moi superior a exercicios anteriores, destacando sobre todo a maior presenza de turistas internacionais. Isto demostra que é de destacar e valorar positivamente as accións de promoción e difusión que se están a realizar dende o Concello, entre as cales están as visitas a feiras como de FITUR ou Xantar.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

Imagen perfil

  • Opcións
  • Grupos
  • Correo web
    • Bandexa entrada
    • Redactar mensaxe
  • Axenda
  • Incidencias / avarías
    • Alta de incidencia
    • Ver seguimento
  • Meus Documentos
  • Administración
  • Desconectar

© 2017 Cluster365.com