Logo RB
Logo Ribadumia
  • Galego
    • Español ES Español
    • Galego GL Galego
  • O tempo
    • Ribadumia
    • Santiago de Compostela
    • A Coruña
    • Lugo
    • Ourense
    • Pontevedra
    • Galicia
    • Perfil
    • Correo web
    • Axenda
    • Alta de incidencia
    • Historial de conexións
    • Meus Documentos
    • Administración
    • Bloquear pantalla
    Desconectar

ACTUALIDADE - ÚLTIMAS NOVAS

  1. Páxina inicial
  2. Grupos
  3. ACTUALIDADE
  4. ÚLTIMAS NOVAS

Relación de entradas

  • Agregar entrada
  • Agregar apartado

224 Entradas


  • Imagen
    O equipo de goberno do Concello de Ribadumia reúnese cos veciños de Besomaño para exporlles os proxectos previstos para a parroquia 14/2/19

    O próximo domingo 17 de febreiro, o equipo de goberno do Concello de Ribadumia reúnese cos veciños de Besomaño para exporlles os proxectos previstos para a parroquia.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    O CONCELLO DE RIBADUMIA ACORDA A LEGALIZACIÓN DA POUSADA 11/2/19

    O equipo de Goberno acordou na última Xunta de Goberno a legalización da obra executada e a licenza de primeira ocupación da Pousada de Ribadumia, de acordo co expediente de obra presentado pola Deputación e unha vez que o Pleno da entidade provincial aprobou o investimento para rematar a urbanización das rúas número 1 e 4 do polígono de Sta. Baia, de acordo con convenio subscrito no seu día co Arcebispado de Santiago. Así mesmo, a Deputación Provincial ten previsto licitar nos vindeiros días estas obras de urbanización, o cal implicará un investimento aproximado de 250.000€, que redundará en beneficio de todo o sector urbano de Sta. Baia, xa que non só se procederá a urbanizar a rúa anexa á propia pousada, senón tamén se rematarán todos os servizos da rúa Párroco Valiñas, con beirarrúas, saneamento e abastecemento, ata a estrada provincial EP-9305. Hai que recordar que a obra da Pousada incrementou o seu presuposto inicial de case tres a máis de 5 millóns de euros, tendo que redactarse un expediente de legalización que foi contratado pola Deputación, no pasado mes de novembro, por un importe de case 15.000€, trala aprobación en Pleno do mesmo, cos votos favorables do Partido Popular, incluída Salomé Peña, que sempre defendeu que o edificio construído da Pousada era totalmente legal. Nesta legalización inclúense as novas plantas construídas que non figuraban no proxecto inicial, tanto do edificio da Pousada coma do centro deportivo e de ocio, tales como a planta semisótano que une ambos edificios ou a planta baixo cuberta para a terraza do comedor e servizos. Así mesmo, corrixiuse a ocupación feita no seu día de forma irregular ó estar o xardín da Pousada construído ocupando parte do vial número 4 e terreos da igrexa. Con este acordo quedan rematados os trámites municipais, de forma que a Deputación e a empresa concesionaria poderían poñer en funcionamento estas instalacións hosteleiras.

  • Imagen
    O Concello de Ribadumia solicita a categoría de Interese Turístico de Galicia para a Festa do Pan do Salnés, coincidindo coa súa promoción no 20º Salón Internacional de Turismo Gastronómico en Orense 11/2/19

    O concello de Ribadumia informa que por terceiro ano consecutivo foi o Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar que se celebrou en Ourense entre o 6 e o 10 de febreiro para promocionar Ribadumia. Durante eses días o Concello exalta as súas festas gastronómicas como son a Festa do Pan do Salnés e a Festa do Viño Tinto do Salnés e variedade autóctonas, presentando ambos eventos a cada un dos que se achegan para interesarse pola nosa gastronomía, festas e patrimonio tanto cultural como arquitectónico. Un ano máis Ribadumia participou nas actividades que teñen lugar no Salón como por exemplo, no Workshop con axencias de viaxes ou estando presentes tamén no concurso de carteis de Festas Gastronómicas, onde na pasada edición o cartel da Festa do Pan do pintor Pepe Noya foi recoñecido co 1º premio. Coincidindo con esta promoción de Ribadumia e das nosas festas, presentou a pasada semana a solicitude de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Festa do Pan do Salnés, unha das nosas festas máis arraigada e que este ano chegará á súa maioría de idade coa celebración da XVIII edición. A Festa do Pan do Salnés supón o revivir dun xeito de vida arredor dos muíños, os cales están presentes en diversos puntos do Concello mostrando así a importancia que supuñan para os nosos antepasados. Deste xeito durante a festa móstrase o facer tradicional e artesán do pan, ademais de recuperar un prato tradicional como os ovos estrelados con pan de millo, que serven nun gran xantar de confraternidade onde máis dun millar de persoas disfrutan entre amigos e familiares da gastronomía, música e tradición.

  • Imagen
    O Concello de Ribadumia abre o prazo “Ribadumienses en prol do Galego” 11/2/19

    O Concello de Ribadumia informa de que está aberto o prazo ata o próximo 25 de febreiro para presentar as candidaturas a “Ribadumiense en prol do galego”, recoñecemento que será entregado o 17 de maio con motivo do Día das Letras Galegas 2019, cando se celebrará a terceira edición da gala homenaxe “Ribadumienses en prol do galego”. Todos os que o desexen poderán consultar as bases na plataforma omeuconcello.ribadumia.org. O Concello pretende, deste xeito, non só celebrar o día no que se honra á lingua galega, senón tamén aproveitar esta ocasión para render homenaxe aos veciños e veciñas, asociacións ou entidades do municipio que participan, dun xeito ou outro, en prol da conservación e posta en valor da nosa lingua.

  • Imagen
    Datos da primeira recadación xestionada dende o concello en período voluntario 07/2/19

    O Concello de Ribadumia informa que o total do cargo líquido segundo o padrón dos impostos e taxas de vehículos, lixo, IBI urbano e rústica, auga e actividades económicas ascende a un total de 1.540.754,60 €. A estes datos hai que engadir que o total do cargo líquido que xestionou a ORAL en 2017, era de 1.094.823,82€, o que supón un incremento respecto a 2018 de 445.930,78 €. Incremento que non é debido a un maior número de impostos ou a unha subida dos tipos impositivos, pero si ven derivado dunha mellor xestión e máis próxima, o cal facilita a comunicación cos veciños. Do total a recadar en período voluntario, foi ingresado unha media do 87,61 %, o que supón 1.362.773,00 €. E que segundo o tipo de imposto se pode dicir que do correspondente ó IAE se recadou o 97,32% sendo así o imposto cun maior importe recadado en voluntaria, fronte o IBI rústico, un 76,97 %, do que cabe citar é o imposto con menor recadación total (só 4.120,81 € no padrón). Polo banda dos gastos do servizo, no ano 2018 ascenderon a un total de 41.504,95 €, e inclúen tanto os gastos necesarios para a posta en marcha do servizo, como os gastos para o seu desenvolvemento diario, e tendo en conta que os gastos de persoal adscritos se fan de forma anual aínda que non se dedican de forma exclusiva a recadación, senón que presta servizos noutras areas. Aínda así, supón un aforro importante, máis de 50000€, respecto dos máis de 90000 € que se lle pagaban a Oral pola xestión da recadación en período voluntario. Pero a partir deste ano, os gastos vense reducidos a metade ó non ter en conta os da posta en marcha, co que o aforro anual se incrementará, a partir do próximo ano, ata os 75000 € aproximadamente, cantidade que pode ser destinada a outras inversións en favor dos veciños mellorando o seu día a día.

  • Imagen
    O Concello de Ribadumia aproba o reparto do 100% das axudas 2018 a entidades 07/2/19

    Na última sesión plenaria aprobouse o reparto do 100% das axudas a entidades para o 2018. Deste xeito as asociacións culturais reciben un total de 20000 € para un total de 502,63 puntos que se baremaron segundo as bases aprobadas entre 12 solicitudes presentadas. A contía repartida entre as entidades deportivas ascende a 34000 €, os cales se repartiron entre os clubs ribadumienses, incluíndo o patrocinio solicitado polo Club Náutico O Muiño pola participación de María Pérez no campionato mundial de Portugal ó cal lle corresponden 659,46 € segundo a baremación correspondente. Este patrocinio ven a sumarse os dous que o Club Náutico o Muíño xa solicitara e se concederon neste 2018 pola participación de María Pérez e Manuel Fontán nas probas do Europeo en Italia. As entidades sociais foron beneficiarias do reparto de 9000 €, destacando a presentación por primeira vez da Asociación Gotas, e manténdose todas as anteriores. De consideración e destacable é que durante esta lexislatura e trala aprobación das bases se produciu un incremento exponencial dos importes que se lle conceden a cada asociación, acadando como media os seguintes incrementos: • Asociacións culturais: 196,30 % • Entidades deportivas: 104,4 % • Asociacións sociais: 50 %

  • Imagen
    Reunión dos alcaldes de Ribadumia e a Illa de Arousa co xerente da EOXI 07/2/19

    Seguindo coa busca dunha solución a problemática dos respectivos centros sanitarios, os alcaldes da Illa de Arousa, D. Carlos Iglesias, e de Ribadumia, D. David Castro, mantiveron unha reunión co xerente da EOXI Pontevedra-Salnés, D. José Ramón Gómez, e co director de Procesos de Soporte, D. José Seco, para tratar a problemática conxunta que teñen os 2 concellos en relación coa praza de Pediatría. Esta reunión foi solicitada de forma conxunta trala rolda de prensa que tivo lugar o pasado 11 de xaneiro, na que se esixiu a reposición da atención pediátrica compartida entre ambos concellos tralas reiteradas queixas dos usuarios do servizo que levaba sen cubrir desde o mes de novembro pola baixa médica do titular. O alcalde de Ribadumia expúxolles tamén ós responsables da EOXI a problemática existente desde o verán pasado pola non cobertura ó 100% do persoal facultativo, que deu lugar á recollida de sinaturas secundada de forma masiva polos veciños de Ribadumia, solicitando a substitución dos médicos durante as súas vacacións ou outro tipo de ausencias. Desde o equipo de goberno considérase que o resultado da reunión, de aproximadamente 1 hora, foi positivo xa que se conseguiu o compromiso do xerente de manter, en principio ata a incorporación do titular, a contratación do facultativo que leva atendendo o servizo desde mediados do mes de xaneiro, dándolle continuidade á atención sanitaria. Así mesmo, conseguiuse que os responsables da EOXI se comprometesen a non amortizar en ningún caso a praza de Pediatría existente. Respecto dos facultativos de Familia, conseguiuse o compromiso de que se tivese en conta na substitución dos mesmos que non quedase un só médico no centro de saúde para atender os usuarios dos 2 cupos e as urxencias de Pediatría, co fin de evitar as situacións acontecidas este verán e darlle a mellor atención sanitaria ós veciños de Ribadumia. Finalmente, reiterouse a colaboración entre o Concello e a EOXI para tratar de solucionar calquera outra discrepancia ou problema que puidese xurdir en relación ó centro de saúde de Ribadumia.

  • Imagen
    Ábrese o prazo para recibir propostas a “Ribadumiense en prol do galego” 07/2/19

    O Concello de Ribadumia informa que está aberto o prazo para recibir propostas de candidatos para ser recoñecidos “Ribadumiense en prol do galego” con motivo da celebración o próximo 17 de maio das Letras Galegas. Os interesados poderán presentar as propostas no rexistro do Concello de Ribadumia ata o día 25 de febreiro. Cabe ter en conta que as propostas de concesión para poder ser consideradas deberán proceder, tal e como recollen as bases, de: A)Equipo de goberno do Concello de Ribadumia B)Petición conxunta de catro concelleiros C)Dunha petición razoada e xustificada dun organismo oficial, entidade ou asociación legalmente constituída, que se presente avalada pola sinatura de 100 veciños. D)Dunha petición subscrita por un número de veciños que represente, cando menos, o 3% da poboación do Concello de Ribadumia no momento de presentaren a proposta. E toda proposta deberá ir acompañada dunha memoria explicativa sobre os méritos do candidato no uso e difusión do galego que inclúa, cando menos, a exposición e motivos, notas biográficas da persoa ou persoas propostas ou breve resume histórico en caso de entidades, currículo e accións meritorias ou salientables, achegas ou adhesións doutras entidades e asociacións á proposta. Debe terse en consideración que as candidaturas deberán realizarse sobre persoas vivas ou entidades en activo. A persoa ou colectivo finalmente seleccionada será homenaxeada nun acto que buscará recoñecer a súa labor en prol do uso do galego en todos os ámbitos da vida, no noso concello e máis aló del, e que terá lugar o propio 17 de maio na Gala-homenaxe “Ribadumienses en prol do galego”.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    31 de xaneiro de 2019, sesión Extraodrinaria do Pleno Municipal 30/1/19

    Mañá, 31 de xaneiro de 2019, sesión Extraodrinaria do Pleno Municipal cos seguintes puntos do día: 1º.- Actas anteriores 2º.- Concesión de axudas a entidades e clubs (15% restante) 3º.- Moción por unha defensa dunha sanidade pública de calidade 4º.- Dar conta de datos da recadación de taxas e impostos municipais do ano 2018 5º.- Rogos e preguntas

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    O Servizo de Orientación Laboral do Concello de Ribadumia plántea unha ampla oferta formativa acorde as demandas dos usuarios 30/1/19

    O Concello de Ribadumia xestiona para que diversos cursos subvencionados pola Consellería do Medio Rural se celebren no municipio. Estas actividades formativas son pertencentes á oferta programada dende Agroforestal. Dende Decembro do ano pasado, estanse a realizar cursos de Aplicación de Produtos Fitosanitarios, onde a persoa interesada só ten que asumir o coste das taxas pola expedición do seu carné profesional. Así, desenvolveuse un curso para a obtención do CARNÉ DE FITOSANITARIOS BÁSICO a mediados do mes pasado e, esta semana, un total de 26 alumnos/as están a cursar a formación ponte para a obtención do carné de máximo nivel na aplicación de fitosanitarios: o nivel CUALIFICADO. Este curso ponte recibiu tantas solicitudes que, para poder responder á demanda xerada, o Concello de Ribadumia ten a posibilidade de acoller outro curso das mesmas características a partir do dia 11 de Febreiro, polo que as persoas interesadas poden solicitar dito curso a través do Servizo de Orientación Laboral ata o día 7 do mes vindeiro. Por outra banda, tamén dende onte día 24 de Xaneiro e ata o 1 de Febreiro, estase a desenvolver o curso de PODA DE FROITEIRAS E VIDEIRAS, totalmente gratuíto, e que foi inaugurado por Félix Lorenzo, responsable en TRAGSATEC para a prestación deste servizo de formación agroforestal. Un total de 28 alumnos/as están a realizar este curso de Poda, que desenvolverá parte das súas prácticas na Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía (EVEGA) de Leiro – Ribadumia e que completarán noutras fincas con plantación de froiteiras. Este curso de poda é o único, destas características, de todos os programados nos últimos meses por Medio Rural que se chegou a por en marcha, sendo así Ribadumia o único Concello que cubriu as prazas do mesmo. O número de participantes era a condición obrigatoria para a execución da formación. Félix Lorenzo, dirixíndose ós alumnos/as deste curso, explicoulles que, a través da coordinación entre TRAGSATEC e o Concello de Ribadumia é posible iniciar outros cursos subvencionados, dando a posibilidade de que sexan os propios veciños/as do Concello os que manifesten cales serían as súas preferencias en materia agroforestal. O Concello de Ribadumia, a curto prazo, ten previstas as seguintes accións formativas, segunda convocatoria do curso ponte de Fitosanitarios, outro curso de Aplicador de Produtos Fitosanitarios do nivel Básico, un de Benestar Animal no Transporte, e comezar a recoller solicitudes para outro de Poda de Froiteiras, xa que unha vez cerrada a convocatoria, seguíronse recibindo solicitudes no Servizo de Orientación Laboral para inscribirse a dito curso. A finalidade destes cursos de formación é a de favorecer a profesionalidade e o aprendizaxe permanente dos alumnos o que pode incluso mellorar as posibilidades de inserción laboral de aqueles traballadores/as que están desempregados/as.

  • Imagen
    O equipo de goberno do Concello de Ribadumia reúnese cos veciños de Leiro para exporlles os proxectos previstos para a parroquia. 28/1/19

    O pasado 27 de xaneiro, as 12:15 horas, no Centro social de Leiro, o equipo de goberno do Concello de Ribadumia convocou a todos os veciños da Parroquia de Leiro para unha reunión veciñal na que falar sobre os próximos proxectos de 2019. Deste xeito, despois dun breve resumo do xa feito ata o de agora, onde se atopan as obras de mellora do cemiterio parroquial, comentáronse as novas actuacións que se van a levar a cabo en breve. Proxectos que se atopan xa solicitados o Plan Concellos e que recollen a ampliación, a mellora de firmes e da seguridade viaria de diversos camiños. Pero tamén se expuxo a resolución que se lle vai a dar a problemática existente cos titulos de propiedade dunha fase do cemiterio, o cal é unha demanda reiterada polos veciños de Leiro. A reunión tratou tamén outros temas de interés para os veciños como é o plan de pagos personalizado para aboar os recibos dos impostos municipais neste 2019 ou de cara a próximos exercicios fiscais, ou as xestións realizadas para a legalización do "Folla Redonda".

  • Imagen
    O Concello de Ribadumia comeza a recollida de sinaturas para solicitar unha solución definitiva no servizo de pediatría. 17/1/19

    O pasado venres día 11 de xaneiro, o Concello de Ribadumia conxuntamente co Concello de A Illa de Arousa trasladaron o seu malestar polos problemas existentes co servizo de pediatría, o cal é compartido entre ambos municipios. Malestar que ven causado pola falta de pediatra durante as últimas semanas, o que ocasiona problemas as familias, e ven a empeorar máis se cabe a lista de espera dos médicos de familia. En contra desta situación ambos municipios tomaron a decisión de recoller sinaturas de apoio na solicitude dunha SOLUCIÓN INMEDIATA E DEFINITIVA a dito problema. Deste xeito, o Concello de Ribadumia ten xa a disposición de todos aqueles que o desexen os formularios de recollida de sinaturas, que poden atopalos tanto nas farmacias de Ribadumia ou Barrantes, no Centro de Saúde, na Casa de Cultura de Ribadumia ou no rexistro do propio Concello. Ademáis dende o Concello tamén se fixo chegar este documento a todas aquelas asociacións que realizan actividades para os nenos, posto que están día a día en contacto con familias do Concello afectadas en moitos casos por estes problemas co servizo de pediatría.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    O equipo de goberno do Concello de Ribadumia reúnese cos veciños de Lois para presentar as próximas actuacións na parroquia. 17/1/19

    El pasado domingo día 13 de xaneiro, as 11:45 horas, no Centro social de Lois, o equipo de goberno do Concello de Ribadumia convocou a todos os veciños da Parroquia de Lois para unha reunión veciñal na que falar sobre os próximos proxectos de 2019. Deste xeito, despois dun breve resumo do xa feito ata o de agora, trataronse as novas actuacións que se van a levar a cabo en breve. Entre estas cabe destacar as canalizacións de augas pluviais tanto no lugar de Seara como na Aldea do Monte, onde as actuacións están incluídas nunha partida que ascende a 27.192,80 €, obras que están aprobadas no Plan Concellos 2018 e que están tan só pendentes de execución. Por outra banda é de destacar o Acondicionamento dun víal en Cruz, actuación solicitada no Plan Concellos 2019, ou outra demanda dos veciños de Lois nas diferentes reunións veciñais mantidas ata o de agora e a cal se lle vai dar resposta é o Acondicionamento do recinto do Cra e Centro Social de Lois.

  • Imagen
    Ribadumia consegue por primeira vez que se inicien os traballos para rexistro da vide “Folla Redonda” como caste comercial 08/1/19

    Este ano celebrarase a XLVII edición da Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas, unha festa con longa tradición en toda a comarca, que en 2019 presenta unha importante novidade: a variedade “Folla Redonda” está máis cerca de ser recoñecida como variedade propia. Un dos obxectivos do equipo de goberno desde o comezo desta lexislatura foi intentar darlle á “Folla Redonda” o recoñecemento que debe ter como uva válida para vinificación e, ó mesmo tempo, darlles ós viticultores do Concello a tranquilidade de poder comercializar unha variedade á que non se puxesen impedimentos legais, asegurando así a continuidade dun produto básico na economía de moitas familias da comarca. Os primeiros pasos que se deron para asegurar o futuro desta variedade tiveron lugar xa no 2016 co rexistro da marca; o seguinte paso veu no 2017 coa solicitude de Festa de Interese turístico de Galicia para a Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas; finalmente, o 23 de maio de 2018 aprobouse en Pleno instar á consellería correspondente o inicio dos trámites necesarios para o citado recoñecemento, solicitude reiterada polo Alcalde David Castro na reunión mantida coa conselleira o pasado mes de xuño. Así mesmo, solicitouse o apoio dos concellos da comarca trasladándolles a moción para instar igualmente á Consellería a rexistrar esta vide e a regular así a comercialización do viño tinto. A día de hoxe, o Concello de Ribadumia quere agradecer expresamente o apoio á moción xa aprobada en pleno nos concellos de Vilagarcía, Vilanova, Meis, Meaño, Sanxenxo e A Illa, así como na Mancomunidade do Salnés, o que mostra a importancia que ten a produción desta variedade a nivel comarcal. Todo este labor acaba de ser ratificado pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, que comunicou ó Concello de Ribadumia os pasados días o inicio dos traballos para o “Rexistro como caste comercial” do “material xenético de vide Folla Redonda”. O procedemento, que se iniciará co ensaio sobre 15 plantas enxertadas na EVEGA, é laborioso, pero de seguro asegurará o futuro dunha variedade fundamental na comarca e dunha festa que é cita obrigada cada primeiro domingo de xuño en Ribadumia e no Salnés ano tras ano, para veciños e achegados, ó tempo que asegurará e contribuirá a mellorar a economía de familias fieis a estas vides que, ano tras ano, as coidan con esmero.

  • Imagen
    O Concello de Ribadumia quere facilitar o pago das taxas municipais 19/12/18

    O Concello de Ribadumia informa que nestes días se está facendo chegar a todas as casas do municipio un díptico informativo sobre o Plan de pagos personalizado creado para darlles facilidades aos veciños á hora de cumprir coas súas obrigas tributarias. As solicitudes do Plan de pagos personalizados poderá facerse entre o 1 e o 31 de xaneiro e a adhesión a el é voluntaria. Dito Plan recolle os prazos dos que dispón cada contribuínte á hora de fraccionar os recibos municipais e tendo en conta que, en todo caso, estarán exentos de intereses. Prazos que irán dende 2 a 6 meses, sendo os pagos de marzo a outubro para os que soliciten o máximo fraccionamento. Este plan de pagos personalizado afecta os impostos de vehículos, lixo, IBI urbana e rústica así como ó IAE. Na información que recibirá cada un dos veciños no seu fogar atopará respostas á cuestións sobre como solicitar dito plan, cal é o prazo para o mesmo. Ademais de recibir o calendario fiscal para o 2019, onde pode coñecer as datas de cobro de cada un dos recibos. En xeral expóñense as vantaxes que supón para cada un dos ribadumienses e o funcionamento, posto que aqueles que decidan adherirse a este plan pagarán por banco as cotas iguais fixadas en función do número de prazos nos que se queira dividir. O plan de pagos personalizado foi aprobado en pleno no mes de setembro, e fai realidade así un dos obxectivos do equipo de goberno de facilitar a todos os veciños e veciñas de Ribadumia ó facer fronte os impostos municipais da forma máis cómoda e sinxela para eles, aliviando a carga impositiva que soe xuntarse no último trimestre do ano, onde de por si xa son datas de maiores gastos debido o inicio do curso escolar ou as datas de Nadal. Para máis información, aclaración ou dúbida poden dirixirse ó Departamento de Recadación Municipal.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2

  • Imagen
    Ribadumia inviste 9000 € en renovar o equipamento audiovisual do auditorio 17/12/18

    O Concello de Ribadumia informa que nestes días foi instalado o novo equipamento audiovisual no Auditorio de Ribadumia, o cal ven a renovar e mellorar o anterior. O equipo instalado consta de un proxector complementado cunha lente de media distancia e un novo soporte. A isto hai que engadir un ciclorama (pantalla ran formato 12x8 metros), o cal vai mellorar moito a proxección, por exemplo os días de cine no auditorio, a cal tamén cabe dicir é unha das actividades máis demandadas na programación. Esta mellora vaise ver reflexada en que a pantalla de proxección ocupará toda a parede de fondo do esceario, non vendo os cortes do revestimento como ata agora. Para esta adquisición o Concello de Ribadumia investiu arredor de 9000 €. Inversión precisa para mellorar o servizo que o Auditorio de Ribadumia presta tanto as entidades do propio municipio, como a todos os veciños e veciñas e todos aqueles que domingo tras domingo se achegan ata Ribadumia para disfrutar da programación trimestral. Seguindo esta actuación a liña das melloras continuas que se realizan dende o concello e dende o equipo de goberno, onde o principal obxectivo é sempre ofrecer un mellor servizo os veciños e que poidan disfrutar así das mellores condicións en cada unha das instalacións, xa non só para a programación de espectáculos, se non para cursos formativos ou xornadas que se levan a cabo.

  • Imagen
    O número de parados en Ribadumia baixa de 300 por primeira vez en dez anos 10/12/18

    Os datos publicados polo Portal de Emprego da Xunta de Galicia esta mesma semana arroxan un dato incomparable no Concello de Ribadumia. As 13 persoas que atoparon emprego o pasado mes de novembro rebaixan o número de desempregados en Ribadumia a 299. A primeira vez que se descende da simbólica cifra de 300 parados dende 2008, o ano que comezaba a última recesión económica. A evolución nos últimos anos resulta moi favorable, e mostra así que para o alcalde, David Castro, e para todo o equipo de Goberno, as políticas de emprego mantéñense entre os seus principais obxectivos para mellorar a calidade de vida dos veciños. Á súa chegada en 2015, Ribadumia contaba con 459 persoas buscando traballo. A cifra baixaba a 411 (2016), 355 (2017), 312 o pasado mes de outubro e os 299 deste mes de novembro. En termos porcentuais, un 14,23% dos 5.085 habitantes no Concello seguen á procura de emprego, unha cifra sensiblemente inferior á media nacional, situada no 14,8%. De feito, nun mes de novembro moi desigual na comarca do Salnés, cun certo incremento do desemprego estacional nas localidades máis dependentes do turismo, Ribadumia é un dos líderes na creación de emprego. A prol disto, o pasado mes de setembro entraba en funcionamento o novo Servizo de Orientación Laboral nas propias instalacións do Concello, dende onde se atende a veciños e veciñas de Ribadumia así como de Concellos veciños, que precisen axuda na procura de emprego a través de Itinerarios personalizados de Inserción Laboral. Sen ir máis lonxe, o Concello de Ribadumia organizaba o pasado mes de novembro a IV Xornada de Emprego, onde participaron a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA), COGAMI, INSERE EMPREGO (da Fundación ONCE) e FAXPG, un representante de AFIPRODEL (Asociación Galega de Profesionais de Desenvolvemento Local) e a consultora de Vigo +SUMA IMPORTANCIA (especialistas en asesoramento a empresas e emprendedores), batendo o récord de asistencia sobre edicións anteriores. Pero esa non foi a única iniciativa do Concello nos últimos meses, posto que se puxo tamén en marcha o perfil de Facebook Orientación Laboral Ribadumia, onde se están a comunicar consellos, ofertas de emprego e cursos de formación a todo aquel que o siga e estase a perfilar a oferta formativa desde o Concello, para a mellora da empleabilidad dos veciños/ as. De momento iniciase o luns 10 o curso Aplicador de Fitosanitarios, nivel básico, e o día 15 farase un de Manipulador de Alimentos, que inclúe alérxenos. Iniciativas que o Concello espera contribúan a seguir incrementando o número de persoas que atopan traballo.

  • Imagen
    O alumeado público de Ribadumia será un 60% máis eficiente 10/12/18

    O Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio de Transición Tecnolóxica, aprobou a concesión dunha axuda por valor do 80% do orzamento presentado polo actual equipo de goberno para o Proxecto de Renovación, Mellora e Adaptación ao Réxime de Eficiencia Enerxética. Este programa, no marco do Programa Operativo FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), resolveu conceder a subvención máxima de 569.381,12 euros dos 711.726,40 euros orzados polo Concello para a renovación das instalacións de iluminación e sinalización exterior. Este investimento é unha das apostas do actual equipo de Goberno para conseguir un sistema de alumeado máis respectuoso co medio ambiente e cuxa eficiencia vai representar un aforro importante para as arcas municipais, que vai permitir realizar investimentos que atendan outras necesidades e solicitudes veciñais. A consecución desta subvención supuxo un esforzo engadido do persoal do Concello, que estivo de xeito ininterrompido durante 36 horas traballando para que a solicitude da axuda do IDAE tivese entrada na plataforma dixital en tempo para a súa concesión. Unha cifra que supón un dos maiores investimentos de toda a provincia de Pontevedra neste tipo de obras. Calcúlase que unha redución do 60% na iluminación pública pode traducirse nun aforro superior ao 80% na factura da luz, así como unha importantísima redución das emisións de CO2 á atmosfera. Para todo o equipo de Goberno do Concello de Ribadumia, a optimización dos recursos é unha prioridade, e deste xeito, a nova iluminación pública de todos os núcleos urbanos e parroquias de Ribadumia contará con tecnoloxía LED moito máis eficiente. O procesos pasa por substituír as luminarias xa existentes, lámpadas e equipos por tecnoloxías máis eficientes; que permitan as diminución do fluxo emitido ata un 60%; a substitución de interruptores ou programadores tradicionais; a eliminación de puntos de luz innecesarios; a adecuación dos cadros de mando á Normativa actual; e a legalización dos cadros de mando en todas as parroquias de Ribadumia. Desde o momento da aprobación da subvención do IDAE, ábrese un prazo de seis meses para a contratación das subministracións, obras e servizos; seis meses máis ata un total dun ano para a formalización dos contratacións precisas para a execución; e un límite máximo de trinta meses para a finalización das mesmas. Ademais, este importante investimento vaise ver complementado en breve coa dotación superior a 20 puntos de luz en diversos lugares do Concello, sobre todo no rural, dándolle así cumprimento ás peticións feitas polos veciños de Ribadumia durante a lexislatura. Deste xeito, vese así conseguido un dos obxectivos do equipo de goberno: dotar de alumeado todos os lugares do Concello, priorizar a eficiencia enerxética e contar cun servizo de mantemento do alumeado que permita solventar arranxos nun prazo breve unha vez os veciños comuniquen as incidencias.

  • Imagen
    A Consellería de Política Social subvenciona o intestimento e mellora na escola infantil 0-3 municipal de Ribadumia 05/12/18

    A Consellería de Política Social ven de conceder unha axuda ao Concello de Ribadumia, para o investimento e mellora das infraestructuras e do equipamento da escola infantíl 0-3 anos municipal, por un importe total de 10.450,99€. No referente a partida destinada a adecuación das infraestructuras, realizáronse melloras no patio interior de xogos e tamen na cociña, que se ampliou e redistribueu, dotándoa de mobiliario e electrodomésticos novos. Estas actuacións de mellora supuxeron un importe total de 8.994,45€. Por outra banda, no eido da integración de novas tecnoloxías, dotouse a escola infantil 0-3, cun proxector, unha pantalla mural e un ordenador, con unha inversión total de 1.456,54€.

  • Imagen
    CONSENSO NA SOLUCIÓN A DEMANDA HISTÓRICA DA COMUNIDADE EDUCATIVA 28/11/18

    O Concello de Ribadumia informa que xa deu os primeiros pasos nas últimas semanas para consensuar, coa Anpa, dirección do centro educativo CPI Julia Becerra Malvar e directiva do Umia CF, o proxecto plantexado tralas peticións efectuadas por estes e de forma particular polos pais e nais dos nenos que asisten a este centro. Foi nesta reunión onde valoraron positivamente o proxecto e o Concello aproveitou para recoller novas aportacións a ter en conta para o máximo aproveitamento das actuacións. Así hoxe podemos dicir que este proxecto é unha realidade que ven dar solución a estas demandas feitas reiteradamente durante moitos anos e que ata o día de hoxe non tiveran resposta. As demandas consistían na mellora da seguridade víal no entorno do centro educativo, evitando así a confluencia de nenos e pais cos autobuses ou coches particulares, o que supón un risco, ademais de adecuar unha zona de acceso cuberto dende o lugar de parada dos autobuses ata a entrada do recinto escolar para os días de climatoloxía adversa. A solución chega co proxecto de 1,5 millóns, que se divide en tres tipos de actuacións: a) A urbanización dos espazos libres entre o colexio, o pavillón polideportivo e o campo de fútbol. b) Reforma do pavillón polideportivo de Barrantes construíndo novos servizos, acceso o campo de fútbol e cafetería. c) Construción dun estacionamento de vehículos e edificio de usos múltiples. Estas obras van ser complementadas coas actuacións previstas no proxecto DepoRemse, que supoñen un investimento superior ós 180.000€ en seguridade vial nos accesos ó CPI e á gardería municipal, entre outros, obras que se iniciarán nas vindeiras semanas. Igualmente, tamén se dá resposta ás demandas que o Umia CF viña facendo dende hai anos, cunha mellora nas súas instalacións.

Imagen perfil

  • Opcións
  • Grupos
  • Correo web
    • Bandexa entrada
    • Redactar mensaxe
  • Axenda
  • Incidencias / avarías
    • Alta de incidencia
    • Ver seguimento
  • Meus Documentos
  • Administración
  • Desconectar

© 2017 Cluster365.com