O Concello de Ribadumia pide unha solución inmediata a falta de pediatra no Centro de Saúde 21/12/20
O Concello de Ribadumia mostra a súa total desconformidade coa situación actual que está acontecer no Centro de Saúde posto que a día de hoxe non hai pediatra para atender ós case 400 usuarios deste servizo.
Levamos xa uns anos sufrindo recortes no eido sanitario que están afectando de forma importante ós nosos veciños e veciñas: non reforzo da atención facultativa con cupos que superan, en moito, os 1.500 usuarios; non ampliación do horario de Pediatría, que fai que moitos dos nosos nenos e nenas teñan asignado pediatra nos centros de saúde da contorna (de case 800 nenos e nenas empadroados en Ribadumia, escasamente o 50% teñen pediatra no noso centro de saúde); non substitución de persoal sanitario nas súas vacacións e ILT, co que está sendo demasiado “habitual”, por desgracia, que haxa só un facultativo, como neste mesmo momento, atendendo 2 cupos de máis de 1.800 usuarios cada un, á parte das urxencias de Pediatría; ademais, co agravante de que o centro de saúde queda sen atención facultativa cando o médico ten que acudir a un domicilio ou acompañar, de ser o caso, un traslado ó Hospital do Salnés.
O Concello de Ribadumia apoia así ós veciños nas súas protestas polo prexuízo que toda esta situación lles supón posto que en ocasións sofren retrasos superiores ós 4 meses nas revisións de saúde e vacinación correspondente ó control dos 6 anos e de forma habitual nas citas de consulta pola non substitución dos médicos de Atención Primaria.
Como se indicou anteriormente, esta situación acaba de verse agravada pola inicial redución (nas últimas semanas só había consulta pediátrica os martes, xoves e venres, xa que o pediatra foi derivado a Cambados os luns e mércores) e ACTUAL SUPRESIÓN do Servizo de Pediatría desde esta semana, feito que nin sequera se comunicou de forma oficial: segundo se nos indica polos propios usuarios, non hai cita nin de demanda nin de controis de saúde nos vindeiros meses e, para consultas que non admiten demora, son remitidos ó Servizo de Urxencias do PAC de Cambados.
Con esa decisión adoptada unilateralmente polos responsables sanitarios estase, polo tanto, agudizando a situación, xa de por si mala nos últimos anos, de falta de atención sanitaria ós veciños e veciñas do Concello de Ribadumia, algo que ademais lamentamos que non se comunique de xeito oficial a esta administración para poder acatar as medidas oportunas e tratar de paliar esta situación.