NP - O TURISMO EN RIBADUMIA PECHA A TEMPADA 2025 CUN 21% MAIS DE VISITANTES CA NO MESMO PERÍODO QUE 2024 23/10/25
O Concello de Ribadumia vén de facer balance da actividade turística correspondente ao mes de outubro e da tempada 2025, que rematou o pasado día 12 coa clausura do Punto de Información Turística municipal. Durante estes primeiros doce días de outubro contabilizáronse 695 visitantes, unha cifra que confirma o interese do municipio como destino activo máis aló da tempada estival.
Do total de visitantes, o 68% (472 persoas) procedían doutros países, mentres que o 32% (223 persoas) chegaron de diferentes puntos de España, incluíndo 79 galegos (11%). No perfil dos usuarios, o 86% foron peregrinos, o 13% turistas e o 1% excursionistas.
Entre os países de orixe, Portugal e Estados Unidos comparten a primeira posición (82 visitantes cada un), seguidos de China, México, Canadá, Australia e Reino Unido, que completan a lista dos principais países. No eido nacional, destacan Cataluña (51 visitantes), Madrid e Andalucía (24 cada unha) e Galicia (79 visitantes), reflectindo unha ampla diversidade de orixes entre as persoas que escollen Ribadumia como parada no seu percorrido.
Facendo un balance global, entre os meses de xuño e outubro, o Punto de Información Turística de Ribadumia rexistrou un total de 5.672 visitantes, o que supón un incremento aproximado do 20.7% respecto ao ano 2024, cando a cifra total fora de 4.699.
A tempada caracterizouse pola forte presenza internacional, especialmente de Estados Unidos, Portugal e Italia, ademais doutros como Alemaña, Francia, China e Polonia. O turismo nacional tamén tivo unha importante representación, con Andalucía, Madrid e Castela-A Mancha á cabeza.
No conxunto do ano, o perfil de peregrino consolidouse como o máis habitual —representando preto do 85% das visitas totais—, en gran parte vinculado á Variante Espiritual do Camiño Portugués - Ruta do Padre Sarmiento, un dos principais reclamos do municipio xunto coa Ruta da Pedra e da Auga, o Monte do Castro ou os muíños de Barrantes e do Batán.
Desde o goberno local valórase moi positivamente o balance desta tempada turística, que demostra a capacidade de Ribadumia para atraer visitantes nacionais e internacionais máis aló do verán. O concello destaca que o traballo de promoción, a mellora dos espazos naturais e patrimoniais e a organización de eventos culturais, deportivos e gastronómicos contribúen á desestacionalización do turismo e á dinamización económica local.
Con estas cifras, Ribadumia pecha a tempada 2025 cun crecemento sostido, reafirmándose como un destino con recursos turísticos de primeiro nivel, preparado para seguir medrando no futuro.
Arquivo/s adxunto/s