O Alcalde, David Castro, mantivo unha reunión de traballo co Conselleiro Román Rodriguez, para avanzar posta en marcha de proxectos no CPI e no Monte do Castro en Ribadumia 13/1/24
No día de onte, o Alcalde de Ribadumia, David Castro, mantivo unha reunión de traballo co Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, para a posta en marcha de proxectos no eido da Cultura e da Educación neste concello.
Nesta reunión definíronse as principais actuacións que afectan á reforma integral do CPI Julia Becerra Malvar. Establecéronse as liñas de investimento que afectan aos edificios de infantil e primaria, así como a contorna do centro escolar.
Neste senso, o Conselleiro Román Rodriguez, manifestou o seu compromiso para a posta en marcha da redacción do proxecto da reforma integral do CPI, na que se inclúan actuacións exteriores, como o do cambio de cerramentos, cubertas e mellora e urbanización da zona exterior e entorno do centro educativo; así como investimentos no seu interior con cambios nos pavimentos interiores, solos, alicatados ou baños.
Este investimento responde ao compromiso de David Castro, consensuadas coas demandas da comunidade educativa. Así as xestións realizadas permitirán a modernización dunha edificación con máis de 50 anos de antigüidade, que supoñen a execución dun proxecto de futuro.
O alcalde de Ribadumia trasladou ademais ao conselleiro o seu interese na execución dun proxecto que permita crear un “Espazo histórico natural no entorno do Monte do Castro”, de xeito que se poña en valor a riqueza deste ben patrimonial e a súa contorna natural para engadir un atractivo turístico non só ao Concello de Ribadumia senón a comarca do Salnés. Dende a Consellería de Cultura e Educación, mostrouse o seu total compromiso na elaboración dunha memoria de actuacións que permita deseñar un espazo natural nese entorno. Previsiblemente recolleranse actuacións relacionadas co mantemento de especies vexetais autóctonas e eliminación de especies invasoras, que permitan ter un entorno mais depurado. Ademais, traballarase na humanización do seu entorno, así como dos acceso ao mesmo.
O Conselleiro, Román Rodríguez, mostrou o seu total apoio ao proxecto presentado polo Concello de Ribadumia, no eido da toponimia menor desta entidade. Trátase dun proxecto que pretende crear un equipo de traballo que involucre aos distintos actores da esfera local, dende a propia administración, á comunidade educativa, profesionais do eido da ciencia, educación e urbanismo, así como fomentar o traballo interxeracional entre os nosos nenos e os nosos maiores.
O Alcalde David Castro, mostrase moi satisfeito tras a reunión mantida co Conselleiro Román Rodríguez, posto que “permite materializar compromisos e avanzar en novos proxectos no eido da Cultura e da Educación de relevancia para o Concello de Ribadumia, tanto do investimento da rehabilitación integral do centro educativo CPI Julia Becerra Malvar como directamente sobre o patrimonio cultura no Monte do Castro”.
Arquivo/s adxunto/s