NP - O CONCELLO DE RIBADUMIA PREMIARÁ AS DECORACIÓNS DE NADAL MÁIS DESTACADAS EN VIVENDAS E ESCAPARATES 09/12/25
O Concello de Ribadumia abre un ano máis a convocatoria do VI Concurso de decoración de Nadal en ventás e exteriores de vivendas, así como do VI Concurso de decoración de Nadal en escaparates e interiores de establecementos. Este último lévase a cabo en colaboración coa asociación de comerciantes “Ribadumia Agárdate”.
A finalidade de ambos certames é incentivar a participación da veciñanza, promovendo que decoren os seus balcóns, ventás, exteriores ou locais comerciais para contribuír ao ambiente festivo do Nadal. Ademais, búscase apoiar o comercio de proximidade, pois os 890 euros en premios deberán investirse en negocios situados no propio municipio.
O xurado valorará diferentes aspectos como a creación artística, a presentación, creatividade, orixinalidade, as cores e iluminación e os elementos característicos da nosa cultura e tradicións, así como os adornos de Nadal feitos con material reciclado.
As inscricións poderán realizarse ata o luns 22 de decembro de 2025, de forma presencial nas oficinas municipais, por correo electrónico (cultura@ribadumia.org) ou chamando ao 986 718 491.
As persoas que participen na categoría de vivendas deberán manter visible a súa decoración entre o 8 de decembro de 2025 e o 7 de xaneiro de 2026.
Unha vez rematado o prazo de inscrición nos concursos, o xurado reunirase para examinar as candidaturas presentadas e decidir os galardoados da presente edición. No caso do concurso de vivendas, o xurado estrará composto por dous representantes do Concello de Ribadumia e un representante da Asociación de Comerciantes de Ribadumia. Por outra banda, para o concurso de escaparates e interiores de establecementos, o xurado estará formado por un representante do Concello de Ribadumia e dous representantes da Asociación de Comerciantes.
Os gañadores e gañadoras dos dous concursos daranse a coñecer o día da Cabalgata de Reis. Para coñecer máis información arredor de todas as condicións e dereitos dos concursos, pódense consultar as bases que se publicarán na web do Concello de Ribadumia e no taboleiro municipal.
Premios do Concurso de decoración de Nadal de ventás e exteriores de vivendas:
- 1º premio: 200€ en vales de 20€ para empregar no comercio local.
- 2º premio: 140€ en vales de 20€ para empregar no comercio local.
- 3º premio: 100€ en vales de 20€ para empregar no comercio local.
Premios do Concurso de decoración de Nadal de escaparates e interiores de establecementos:
- 1º premio: 200€ e un diploma de recoñecemento.
- 2º premio: 150€ e un diploma de recoñecemento.
- 3º premio: 100€ e un diploma de recoñecemento.
Dende o Concello animamos a todos os nosos veciños e veciñas a sumarse a esta iniciativa polo Nadal, decorando Ribadumia dunha forma orixinal coa que poidamos atraer a visitantes dos municipios da comarca e potenciar o comercio local de cara as compras destas sinaladas datas.
Arquivo/s adxunto/s