NP - RIBADUMIA DESPIDE CON ÉXITO UNHA NOVA EDICIÓN DA FASE PREVIA DO AROUSA FÚTBOL 7 24/4/25
O Concello de Ribadumia valora, un ano máis, moi positivamente a Fase Previa do Arousa Fútbol 7, celebrada do 17 ao 20 de abril no Complexo Deportivo da Senra. Un evento que, unha vez máis, converteu ao noso municipio no centro do fútbol base durante a Semana Santa, cunha gran afluencia de público e un nivel deportivo á altura deste torneo.
Ao longo de catro intensas xornadas, preto de 1.200 xogadores e xogadoras, distribuídos en 80 equipos procedentes de Galicia, Asturias, Cantabria, Castela, Canarias e Portugal, deron mostra do seu talento, espírito deportivo e compañeirismo. Foron días de emoción, xogo limpo e convivencia, que reuniron arredor de 4.000 persoas no recinto e contribuíron, ademais, a dinamizar a economía local, con máis de 700 persoas aloxadas no municipio e na contorna.
O Concello felicita especialmente aos equipos clasificados para a fase final do torneo, que se celebrará os días 30 e 31 de maio e 1 de xuño: ED Val Miñor Nigrán, San Tirso SD "A", CD Calasanz "A" e ED Xuventude Oroso. Parabéns tamén ao resto de participantes, que fixeron desta Fase Previa unha auténtica festa do fútbol. Ademais, tamén queremos expresar os nosos parabéns ao CD Ribadumia, equipo local que conseguiu escalar na clasificación ata as semifinais onde finalmente foi derrotado. A pesar disto, os aurinegros demostraron ser un gran equipo no campo, competindo con deportividade e unión.
A celebración deste torneo supón tamén un importante impulso para o turismo deportivo no noso municipio, que cada vez máis se consolida como un destino atractivo para eventos deste calibre. O número de visitantes, a ocupación hoteleira e o movemento nos establecementos de hostalaría e restauración demostran o potencial deste tipo de iniciativas para xerar beneficios no tecido económico local, promovendo á vez o coñecemento do noso entorno natural, cultural e social.
O volume de afluencia e a demanda de servizos de aloxamento e restauración que recibiu a organización como interlocutora de boa parte dos visitantes ao Concello colmaron a capacidade dos establecementos non só do propio concello senón de boa parte da contorna. Foron moitas as dificultades de atender as demandas de última hora, todo á vez que o sintomático cartel de cheo en case todos os locais reflexaba un éxito rotundo na convocatoria do Arousa Fútbol 7.
Dende o Concello de Ribadumia queremos agradecer o labor da organización, dos clubs, das familias e de todas as persoas voluntarias que fixeron posible o desenvolvemento do torneo. A súa implicación é clave para que Ribadumia siga a ser un espazo de referencia para o deporte base e para a promoción dos valores que representa.
Vémonos de novo no terreo de xogo os días 30 e 31 de maio e 1 de xuño, para celebrar a Fase Final do Arousa Fútbol 7, onde participarán equipos nacionais e internacionais de primeiro nivel. Será, sen dúbida, outro momento para seguir gozando do mellor fútbol base nun ambiente único.
Arquivo/s adxunto/s