NP - O CONCELLO DE RIBADUMIA AVANZA NA CONTRATACIÓN DA REPARACIÓN E MELLORA DOS PARQUES INFANTÍS DA PRAZA DO CONCELLO E DA CARBALLEIRA DE BARRANTES 18/6/25
O Concello de Ribadumia avanza na contratación para a execución do proxecto de reparación e mellora dos parques infantís municipais situados na Praza do Concello e na carballeira de Barrantes, dúas áreas de lecer fundamentais para a infancia do municipio.
A actuación contará cun orzamento base de 169.512,22 euros, que será financiado integramente a través da Liña 1 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. O obxectivo principal é renovar, adaptar e garantir a seguridade dos elementos de xogo existentes, mellorando así a calidade dos espazos destinados aos pequenos e pequenas de Ribadumia.
Na actualidade, varios dos xogos destes parques presentan desgaste ou deterioro, o que fai necesaria a súa reparación ou substitución. O proxecto contempla a retirada daqueles elementos que xa non sexan seguros nin susceptibles de reparación, substituíndoos por novos xogos de similares características, máis modernos e adaptados ás necesidades actuais.
As actuacións previstas son as seguintes:
No parque infantil da carballeira de Barrantes, retirarase o pavimento de caucho, os xogos actuais e parte da varanda. Ademais procederase á instalación de:
• Dous equipos combinados de xogos.
• Dous pórticos arrandeadoiros (un con asentos planos e outro de berce).
• Un xogo de balancín xiratorio, un trampolín, un xogo de resorte individual novo e outro recolocado.
• Un balancín existente recolocado.
• Nova varanda perimetral e cartel informativo.
No parque da Praza do Concello, retiraranse os xogos biosaludables, os xogos infantís e o pavimento existente. Así mesmo instalaranse:
• Unha cuneta e sistema de drenaxe para evitar a acumulación de auga.
• Novo pavimento de seguridade con céspede artificial e paneis de polietileno.
• Un equipo combinado de xogos, unha tirolesa, un pórtico con asento plano, berce e cesta.
• Dous balancíns, dous trampolíns, un resorte individual e unha mariola.
Con esta actuación, o Concello de Ribadumia reafirma o seu compromiso co benestar da infancia e a mellora dos espazos públicos, creando contornas seguras, accesibles e atractivas para que os nenos e nenas do municipio poidan gozar do seu tempo de lecer nas mellores condicións.
Arquivo/s adxunto/s