NP - RIBADUMIA CONSTITÚE A SÚA MESA DE COORDINACIÓN LOCAL FRONTE Á VIOLENCIA DE XÉNERO PARA REFORZAR A RESPOSTA INSTITUCIONAL E A ATENCIÓN ÁS VÍTIMAS 23/3/26
O Concello de Ribadumia celebrou esta mañá a primeira reunión da Mesa de Coordinación Local fronte á Violencia de Xénero, un novo espazo de traballo que nace co obxectivo de mellorar a coordinación entre os distintos axentes implicados na prevención, detección e intervención ante as violencias machistas no ámbito municipal.
Na reunión participaron o alcalde do Concello de Ribadumia, David Castro; a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Alba Martínez; a concelleira de Contas, Vanesa Jorge; a Secretaria do Concello de Ribadumia, Dolores Franco; técnicos do departamento de Servizos Sociais, Javier Bendaña, Santiago García e Elena Souto; representantes do Centro de Saúde, Sandra Otero; a orientadora laboral, Sonia Otero; representante do CIM do Salnés, Ana Balsa; a directora do CRA, Ana Lucio; a directora da Escola Infantil Municipal, Cristina Serantes; o director e a orientadora do CPI Julia Becerra Malvar, José Antonio Barros e Tania López; a Xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, María José Rodríguez; o Comandante do Puesto Interino de Cambados, Oscar Rodríguez; un integrante do Equipo Viogen da Compañía de Cambados, Marcos Lodeiro; e unha membro do EMUME da Comandancia de Pontevedra, Irene García.
O Concello de Ribadumia forma parte activa do CIM do Salnés e da mesa de coordinación comarcal, mais a creación desta mesa local responde á necesidade de reforzar o traballo coordinado no propio municipio, especialmente entre aqueles profesionais que manteñen un contacto directo coas veciñas e, de maneira particular, coas vítimas de violencia de xénero.
Esta primeira sesión tivo un carácter técnico, centrado en sentar as bases de funcionamento da mesa, mellorar os canles de comunicación entre os distintos servizos e compartir información sobre os recursos dispoñibles. Así mesmo, púxose en valor o traballo desenvolvido nos últimos anos polo Concello en materia de igualdade, prevención e sensibilización, con múltiples iniciativas dirixidas á cidadanía e, especialmente, á mocidade.
A creación desta mesa local ten a súa orixe nas xornadas formativas celebradas os pasados 24 de setembro e 1 de outubro, impulsadas pola Consellería, nas que se destacou a importancia de fortalecer a coordinación interinstitucional a nivel municipal. Posteriormente, o pleno do Concello aprobou por unanimidade a súa constitución o 6 de novembro de 2025.
Dende o goberno local subliñouse que esta mesa terá continuidade no tempo e que o seu traballo se complementará con futuras reunións abertas ao tecido asociativo, entidades deportivas e outros colectivos do municipio, co fin de recoller propostas e seguir avanzando na prevención da violencia de xénero desde unha perspectiva comunitaria.
Ademais, as conclusións e propostas que se vaian derivando deste foro serán trasladadas ao CIM do Salnés, garantindo así unha coordinación efectiva entre o ámbito local e o comarcal.
Con esta iniciativa, o Concello de Ribadumia reafirma o seu compromiso firme na loita contra a violencia de xénero e na construción dunha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencias.
Arquivo/s adxunto/s