Logo RB
Logo Ribadumia
  • Galego
    • Español ES Español
    • Galego GL Galego
  • O tempo
    • Ribadumia
    • Santiago de Compostela
    • A Coruña
    • Lugo
    • Ourense
    • Pontevedra
    • Galicia
    • Perfil
    • Correo web
    • Axenda
    • Alta de incidencia
    • Historial de conexións
    • Meus Documentos
    • Administración
    • Bloquear pantalla
    Desconectar

ACTUALIDADE - ÚLTIMAS NOVAS

  1. Páxina inicial
  2. Grupos
  3. ACTUALIDADE
  4. ÚLTIMAS NOVAS

Relación de entradas

  • Agregar entrada
  • Agregar apartado

822 Entradas


  • Imagen
    NP - RIBADUMIA MELLORA A ACCESIBILIDADE DA BEIRARRÚA NO CASCO URBANO CON MOTIVO DAS OBRAS NA EP-9302 15/4/26

    O Concello de Ribadumia está a executar labores de acondicionamento na marxe da estrada EP-9302, coincidindo coas obras de pavimentación que está a levar a cabo a Deputación de Pontevedra nun tramo desta vía. 
     
    A intervención municipal consiste na creación dunha nova beirarrúa, co obxectivo de mellorar a accesibilidade e a seguridade das persoas usuarias, especialmente dos peóns e das persoas con mobilidade reducida. 

    Con esta actuación, o Concello busca garantir un tránsito máis cómodo e seguro nunha vía moi utilizada. Deste xeito, a colaboración entre administracións permite optimizar recursos e mellorar as infraestruturas viarias do municipio, contribuíndo a facer de Ribadumia un lugar máis accesible, seguro e adaptado ás necesidades da veciñanza.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2
    • Arquivo adxunto-3
    • Arquivo adxunto-4

  • Imagen
    NP - RIBADUMIA DESPIDE UNHA NOVA EDICIÓN DA FASE PREVIA DO AROUSA FÚTBOL 7 09/4/26

    O Concello de Ribadumia fai unha valoración moi positiva da Fase Previa da 29ª edición do Arousa Fútbol 7, celebrada do 2 ao 5 de abril no Complexo Deportivo de A Senra, convertendo o municipio no epicentro do fútbol base durante catro intensas xornadas. 

    O evento reuniu a máis de 1.000 xogadores e xogadoras distribuídos en 65 equipos procedentes de Galicia, Asturias, Cantabria, Castela e Portugal, xunto a preto de 130 persoas nos seus corpos técnicos. Durante 40 horas de competición disputáronse 168 partidos, nos que se puido ver un alto nivel deportivo, así como unha destacada actitude de respecto, compañeirismo e deportividade.

    A afluencia de público foi constante ao longo de toda a competición, xerando un gran ambiente no Complexo Deportivo de A Senra e contribuíndo, un ano máis, a consolidar o torneo como unha das grandes referencias do fútbol base a nivel autonómico e estatal, consolidando o turismo deportivo que atrae Ribadumia. O evento supuxo tamén un importante impacto para a economía local e da comarca, con elevada ocupación nos servizos de aloxamento e un notable movemento na hostalaría e no comercio do municipio e da contorna. 

    Dende o Concello queren felicitar especialmente aos equipos clasificados para a fase final: o ED Val Miñor Nigrán, o Ourense CF “A”, o C.D. Pabellón Promesas e o C.D. Quirinal "A" que acadaron o pase tras unhas xornadas de gran nivel competitivo. Parabéns tamén ao resto dos equipos participantes, que fixeron desta Fase Previa unha auténtica festa do deporte base cun alto nivel de xogo. 

    Dende o Concello de Ribadumia queremos agradecer o labor da organización do AF7, dos clubs participantes, das familias e de todas as persoas voluntarias implicadas, cuxa colaboración resulta fundamental para o correcto desenvolvemento dun evento destas características. O seu compromiso fai posible que Ribadumia siga a ser un referente na organización de eventos deportivos e na promoción dos valores do deporte base. 

    Vémonos de novo no Complexo Deportivo de A Senra os días 22, 23 e 24 de maio, para a celebración da Fase Final do Arousa Fútbol 7 2026, na que participarán equipos nacionais e internacionais de primeiro nivel.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    NP - ÉXITO DA FOODTRUCK “O SABOR DAS RÍAS BAIXAS” EN RIBADUMIA REPARTINDO PRETO DE 2.000 PETISCOS 09/4/26

    Ribadumia converteuse durante o pasado mércores, xoves e venres nun punto de encontro para os amantes da gastronomía coa presenza da foodtruck da campaña “O Sabor das Rías Baixas”, impulsada por Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra.

    Ao longo destas tres xornadas repartíronse preto de 2.000 petiscos, nunha iniciativa que contou cunha excelente acollida por parte da veciñanza e das persoas visitantes que se achegaron tanto á Praza do Concello como ao Campo de Fútbol de A Senra, na que estivo situada as dúas últimas xornadas.

    As persoas asistentes puideron degustar unha variada selección de elaboracións inspiradas nas festas de Interese Turístico das Rías Baixas, como mexillón en escabeche sobre mariñeira, croquetas de cocido e polbo, crujiente de xamón con tartar de tomate, ruliño de lacón con grelos ou empanada de atún, todas elas elaboradas con produtos de gran calidade.

    Esta acción permitiu non só promocionar a riqueza culinaria da provincia, senón tamén dinamizar o municipio nun período de gran afluencia como a Semana Santa. 

    Desde o Concello destacan a importancia de participar en iniciativas deste tipo, que reforzan a proxección turística de Ribadumia e consolidan o seu papel como destino atractivo dentro da comarca do Salnés.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    NP - O PUNTO DE INFORMACIÓN TURÍSTICA DE RIBADUMIA RECIBÍU A VISITA DE 400 USUARIOS DURANTE A SEMANA SANTA 07/4/26

    O Concello de Ribadumia fai balance das visitas rexistradas durante a pasada Semana Santa no Punto de Información Turística municipal, un período no que se volveu constatar o importante atractivo do municipio como destino turístico, tanto a nivel nacional como internacional.

    Durante estes días, o punto de información atendeu a un total de 400 persoas interesadas en coñecer os principais recursos turísticos da localidade, así como en obter información sobre o noso patrimonio, gastronomía e actividades dispoñibles no municipio e na contorna.

    Entre os aspectos máis demandados polos visitantes destacan enclaves como a Ruta da Pedra e da Auga ou a Variante Espiritual – Ruta do Padre Sarmiento do Camiño, que seguen a posicionar Ribadumia como un destino atractivo para peregrinos e amantes da natureza.

    A procedencia das persoas atendidas reflicte tamén a diversidade do perfil turístico, con visitantes chegados de distintos puntos de Galicia (10% dos usuarios), do territorio nacional (35%) e tamén do estranxeiro (55%), consolidando a proxección internacional do municipio. 

    Ademais entre as nacionalidades que escollen Ribadumia destacan os visitantes de Portugal, Alemaña, Estados Unidos, Italia e Reino Unido, así como procedentes do territorio nacional destacan aqueles chegados de diferentes puntos de Cataluña, Andalucía, Madrid ou Comunidade Valenciana. 

    O perfil maioritario que visitou o punto de información turística foron peregrinos (83%) seguidos dos excursionistas (10%) e os turistas (8%).

    O goberno local valora moi positivamente estes datos, que confirman a tendencia á alza do turismo en Ribadumia e reforzan a necesidade de seguir apostando pola promoción turística, o coidado dos espazos naturais e a mellora continua dos servizos ofrecidos á cidadanía e ás persoas visitantes.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    NP - RIBADUMIA ARRANCA UN NOVO CICLO DE LABORES DE LIMPEZA E CONSERVACIÓN DE FONTES E LAVADOIROS 01/4/26

    O Concello de Ribadumia volve poñer en marcha unha nova fase de traballos centrados na limpeza e mantemento das fontes e lavadoiros repartidos polo conxunto do termo municipal, co propósito de garantir a súa conservación e bo estado.

    Estas actuacións céntranse en levar a cabo tarefas de acondicionamento, limpeza e revisión destes espazos, intervindo de maneira progresiva nas distintas parroquias.

    O obxectivo é preservar uns elementos que forman parte do patrimonio etnográfico de Ribadumia, mantendo a súa funcionalidade e contribuíndo a mellorar a súa imaxe e accesibilidade tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.

    Desde o goberno local subliñan que este tipo de intervencións permiten conservar a identidade do municipio, ao tempo que se poñen en valor espazos que tiveron e seguen tendo unha importante presenza na vida diaria das parroquias. Ademais, desenvolver este tipo de actuacións de maneira periódica, reafirma o seu compromiso coa protección e coidado do patrimonio común.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2
    • Arquivo adxunto-3
    • Arquivo adxunto-4

  • Imagen
    NP - A FOODTRUCK “O SABOR DAS RÍAS BAIXAS” CHEGA A RIBADUMIA PARA PROMOCIONAR A GASTRONOMÍA PROVINCIAL 01/4/26

    . Ribadumia recibíu hoxe a foodtruck da campaña “O Sabor das Rías Baixas”, unha iniciativa impulsada por Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra que busca poñer en valor a riqueza gastronómica da provincia a través da degustación de produtos e receitas tradicionais.

    Instalada na Praza do Concello ata as 18:30 horas, esta proposta permite á veciñanza e ás persoas visitantes degustar de balde unha selección de petiscos inspirados na gastronomía das Rías Baixas. Esta mañá todas as persoas que se achegaron puideron probar elaboracións como croquetas de cocido e de polbo, tella de xamón, ruliño de lacón con grelos ou empanada de atún.

    A iniciativa continuará tamén nos vindeiros días, trasladándose mañá e o venres ao campo de fútbol de A Senra, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, ampliando así a súa presenza no municipio. 

    A través desta campaña, ofrécense tapas inspiradas nas festas de interese turístico que se celebran na provincia, combinando promoción gastronómica e difusión cultural, nun formato dinámico e accesible para todos os públicos.

    Desde o Concello de Ribadumia animan á veciñanza a achegarse e participar nesta actividade, que contribúe a promocionar a gastronomía como un dos principais atractivos turísticos do territorio.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2
    • Arquivo adxunto-3
    • Arquivo adxunto-4

  • Imagen
    NP - A OFICINA DE TURISMO DE RIBADUMIA ABRE AS SÚAS PORTAS EN SEMANA SANTA 27/3/26

    O Concello de Ribadumia informa da apertura da Oficina de Turismo durante a Semana Santa, dende hoxe 27 de marzo ata o 6 de abril, co obxectivo de ofrecer información sobre os diferentes atractivos turísticos do noso municipio aos numerosos visitantes que se agardan nestas datas.

    Como vén sendo habitual nos últimos anos, a Semana Santa convértese nun momento de gran afluencia turística no municipio, impulsada, entre outras cousas, polos numerosos peregrinos que percorren a Variante Espiritual - Ruta do Padre Sarmiento do Camiño de Santiago, que atravesa o noso municipio. Así como polo turismo deportivo, ao acoller nestas datas a Fase Previa do torneo alevín Arousa Fútbol 7. A combinación de turismo deportivo, rural e cultural fai de Ribadumia un destino atractivo tanto para visitantes como para a veciñanza da contorna.

    A oficina estará operativa de martes a venres en horario de mañá e tarde, de 9:30 a 13:30 e de 16:30 a 19:30 horas. Os sábados, domingos e días festivos atenderá en horario de mañá, de 9:00 a 13:30 horas, mentres que os luns permanecerá pechada.

    Para máis información, as persoas interesadas en recibir información poden contactar directamente coa Oficina de Turismo no teléfono 986 710 499.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2

  • Imagen
    NP - O CONCELLO DE RIBADUMIA PON A PUNTO OS CEMITERIOS DE CARA Á SEMANA SANTA 27/3/26

    O Concello de Ribadumia está a levar a cabo nestes días diferentes tarefas de limpeza e mantemento nos cemiterios municipais, co obxectivo de que estes espazos se atopen en perfectas condicións para as visitas que se agardan coincidindo coa celebración da Semana Santa.

    Como é habitual nestas datas, os operarios municipais están a realizar labores integrais de posta a punto, tanto no interior como nos accesos exteriores dos camposantos. Entre os traballos que se están a desenvolver inclúense tarefas de desbroce, limpeza de zonas axardinadas e espazos comúns, revisión dos puntos de luz e acondicionamento xeral das instalacións.

    Estas actuacións permiten garantir o bo estado dos cemiterios e reforzar a seguridade das persoas visitantes, nunhas datas nas que aumenta a afluencia de veciños e veciñas a estes espazos.

    Con estas accións, o Concello de Ribadumia continúa traballando para ofrecer espazos públicos coidados e accesibles, mantendo en óptimas condicións lugares de especial significado para a veciñanza.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2
    • Arquivo adxunto-3

  • Imagen
    NP - AVANZAN AS OBRAS DE MELLORA DA SEGURIDADE VIARIA NA EP-9305 AO SEU PASO POR LEIRO 26/3/26

    O Concello de Ribadumia informa de que avanzan os traballos de mellora da seguridade viaria que a Deputación de Pontevedra está a levar a cabo na estrada EP-9305 Coirón-Ribadumia-Leiro, ao seu paso pola parroquia de Leiro. 

    A actuación consiste na execución de cunetas transitables de seguridade nun treito de 125 metros lineais da vía, unha intervención que permitirá mellorar tanto a drenaxe da estrada como a seguridade do tráfico rodado. Estas cunetas configuran espazos que facilitan que os vehículos poidan reconducir a súa traxectoria en caso de saída da calzada, reducindo así o risco de accidentes. 

    Esta intervención forma parte dun conxunto máis amplo de actuacións incluídas no acordo marco do ente provincial, concretamente no lote 2, cun investimento global de máis de 738.000 euros en estradas provinciais situadas no termo municipal de Ribadumia. 

    Ademais desta obra na EP-9305, o programa tamén incluíu actuacións na estrada EP-9501, que xa foron executadas, contribuíndo á mellora da rede viaria do municipio. 

    Dende o Concello de Ribadumia destacan a importancia de seguir avanzando na mellora da seguridade viaria nas estradas que atravesan o municipio, atendendo ás necesidades da veciñanza e reforzando a colaboración entre administracións para executar actuacións que repercutan directamente no benestar e na seguridade de todos os usuarios da vía.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2
    • Arquivo adxunto-3
    • Arquivo adxunto-4
    • Arquivo adxunto-5
    • Arquivo adxunto-6
    • Arquivo adxunto-7

  • Imagen
    NP - RIBADUMIA CONSTITÚE A SÚA MESA DE COORDINACIÓN LOCAL FRONTE Á VIOLENCIA DE XÉNERO PARA REFORZAR A RESPOSTA INSTITUCIONAL E A ATENCIÓN ÁS VÍTIMAS 23/3/26

    O Concello de Ribadumia celebrou esta mañá a primeira reunión da Mesa de Coordinación Local fronte á Violencia de Xénero, un novo espazo de traballo que nace co obxectivo de mellorar a coordinación entre os distintos axentes implicados na prevención, detección e intervención ante as violencias machistas no ámbito municipal.

    Na reunión participaron o alcalde do Concello de Ribadumia, David Castro; a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Alba Martínez; a concelleira de Contas, Vanesa Jorge; a Secretaria do Concello de Ribadumia, Dolores Franco; técnicos do departamento de Servizos Sociais, Javier Bendaña, Santiago García e Elena Souto; representantes do Centro de Saúde, Sandra Otero; a orientadora laboral, Sonia Otero; representante do CIM do Salnés, Ana Balsa; a directora do CRA, Ana Lucio; a directora da Escola Infantil Municipal, Cristina Serantes; o director e a orientadora do CPI Julia Becerra Malvar, José Antonio Barros e Tania López; a Xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, María José Rodríguez; o Comandante do Puesto Interino de Cambados, Oscar Rodríguez; un integrante do Equipo Viogen da Compañía de Cambados, Marcos Lodeiro; e unha membro do EMUME da Comandancia de Pontevedra, Irene García. 

    O Concello de Ribadumia forma parte activa do CIM do Salnés e da mesa de coordinación comarcal, mais a creación desta mesa local responde á necesidade de reforzar o traballo coordinado no propio municipio, especialmente entre aqueles profesionais que manteñen un contacto directo coas veciñas e, de maneira particular, coas vítimas de violencia de xénero.

    Esta primeira sesión tivo un carácter técnico, centrado en sentar as bases de funcionamento da mesa, mellorar os canles de comunicación entre os distintos servizos e compartir información sobre os recursos dispoñibles. Así mesmo, púxose en valor o traballo desenvolvido nos últimos anos polo Concello en materia de igualdade, prevención e sensibilización, con múltiples iniciativas dirixidas á cidadanía e, especialmente, á mocidade.

    A creación desta mesa local ten a súa orixe nas xornadas formativas celebradas os pasados 24 de setembro e 1 de outubro, impulsadas pola Consellería, nas que se destacou a importancia de fortalecer a coordinación interinstitucional a nivel municipal. Posteriormente, o pleno do Concello aprobou por unanimidade a súa constitución o 6 de novembro de 2025.

    Dende o goberno local subliñouse que esta mesa terá continuidade no tempo e que o seu traballo se complementará con futuras reunións abertas ao tecido asociativo, entidades deportivas e outros colectivos do municipio, co fin de recoller propostas e seguir avanzando na prevención da violencia de xénero desde unha perspectiva comunitaria.

    Ademais, as conclusións e propostas que se vaian derivando deste foro serán trasladadas ao CIM do Salnés, garantindo así unha coordinación efectiva entre o ámbito local e o comarcal.

    Con esta iniciativa, o Concello de Ribadumia reafirma o seu compromiso firme na loita contra a violencia de xénero e na construción dunha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencias.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2

  • Imagen
    NP - RIBADUMIA PON A PUNTO A RUTA DA PEDRA E DA AGUA PARA RECIBIR O TURISMO DE SEMANA SANTA 13/3/26

    O Concello de Ribadumia está levando a cabo labores de acondicionamento no tramo da Ruta da Pedra e da Auga que discorre polo municipio, co obxectivo de recuperar a senda tras os danos ocasionados polas recentes crecidas do río e as intensas choivas que asolagaron os terreos próximos nas últimas semanas.

    Esta ruta, ademais do seu gran valor paisaxístico e patrimonial, forma parte da Variante Espiritual – Ruta do Padre Sarmiento do Camiño Portugués, un dos trazados empregados por moitos peregrinos que se dirixen a Santiago de Compostela.

    As intensas choivas dos últimos meses provocaron o desbordamento do río en varios puntos do percorrido, arrastrando parte do firme e ocasionando buratos e outros danos que dificultaban o paso. Para solucionar esta situación, estanse realizando nos últimos días traballos de reposición do terreo con xabre, garantindo a estabilidade e seguridade da senda, ao tempo que se preserva a súa integración co medio natural.

    Estas intervencións chegan nun momento clave, xa que Ribadumia recibe durante a Semana Santa un notable fluxo de visitantes e peregrinos que apostan polo turismo rural e os destinos vencellados á natureza, ademais daqueles que chegan movidos polo turismo deportivo. A Ruta da Pedra e da Auga representa un importante atractivo para o municipio, que cada ano ve reforzada a súa posición como destino de referencia para o turismo activo acollendo a numerosos visitantes ao longo de todo o ano.

    Dende o Concello de Ribadumia traballamos na conservación e mellora das nosas rutas naturais, conscientes da súa importancia tanto para a veciñanza como para aqueles que nos visitan, garantindo un espazo en condicións óptimas para o goce de todos.

  • Imagen
    NP - RIBADUMIA ACOLLE ESTE SÁBADO A INAUGURACIÓN DA REDE DE REFUXIOS PARA MORCEGOS AIB DO SALNÉS 12/3/26

    Ribadumia acollerá este sábado, 14 de marzo, a inauguración da Rede de Refuxios para Morcegos AIB do Salnés, unha iniciativa ambiental impulsada pola Asociación Ideas de Bombero coa colaboración do Concello de Ribadumia.

    A actividade consistirá nunha xornada de voluntariado ambiental na que se procederá á colocación das primeiras sete caixas-refuxio para morcegos, coas que se dará comezo a un proxecto máis amplo que contempla a instalación dun total de 59 refuxios ao longo dun corredor de 3,3 quilómetros.

    Este corredor ecolóxico irá dende a rotonda dos Castaños, continuando pola contorna do río Umia ata a zona do Náutico de Cabanelas, cun total de 13 puntos de instalación nos que se distribuirán grupos de entre tres e sete caixas.

    O obxectivo desta iniciativa é favorecer o asentamento de morcegos arborícolas e fisurícolas en áreas nas que existe escaseza de refuxios naturais debido á perda de hábitat ou á presenza de masas forestais novas sen ocos naturais.

    Os morcegos desempeñan un papel fundamental nos ecosistemas, xa que, xunto coas aves insectívoras, son os principais vertebrados depredadores de insectos. A súa presenza contribúe ao control biolóxico de pragas, evitando que determinados invertebrados cheguen a converterse nun problema para os ecosistemas forestais e agrícolas.
    Ademais da xornada de colocación, o proxecto inclúe a posibilidade de que a cidadanía apadriñe unha das caixas-refuxio cunha achega de 20 euros, destinada a cubrir os custos de construción. Cada refuxio contará cunha pequena placa de madeira co nome da persoa ou persoas que realizaron a doazón.

    A organización tamén realizará un seguimento e avaliación continuos da ocupación das caixas, co fin de coñecer o impacto da iniciativa e introducir melloras no proxecto. As persoas interesadas en colaborar ou obter máis información poden contactar coa organización a través do teléfono 671 442 979 ou seguir as actualizacións nas redes sociais da asociación.

    Dende o Concello de Ribadumia animamos á veciñanza a participar nesta iniciativa, que contribúe a poñer en valor o patrimonio natural do municipio e a fomentar a implicación cidadá na conservación do medio ambiente.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2

  • Imagen
    NP - RIBADUMIA REFORZA AS LABORES DE BACHEADO NAS ESTRADAS DO TERMO MUNICIPAL 03/3/26

    O Concello de Ribadumia está a levar a cabo diversas labores de bacheado en diferentes puntos do termo municipal, co obxectivo de garantir unhas estradas en bo estado e libres de elementos deteriorados que dificulten a circulación polos rueiros e vías das distintas parroquias.

    Estas actuacións víronse reforzadas debido ás fortes e prolongadas choivas das últimas semanas, que provocaron un maior desgaste do firme e a aparición de novos ocos en determinados tramos.

    Os traballos están sendo executados por unha cuadrilla de persoal municipal, encargada de localizar e reparar os ocos existentes no firme, procedendo ao seu recheo e posterior nivelación para asegurar que a superficie quede correctamente aplanada e corrixida.

    Estas actuacións permiten mellorar a seguridade viaria, previr danos nos vehículos e ofrecer unha circulación máis cómoda tanto para condutores como para peóns. Desde o goberno local sublíñase que este tipo de intervencións forman parte do mantemento continuo das infraestruturas municipais, co fin de conservar en óptimas condicións a rede viaria do concello.

    O Concello de Ribadumia continuará desenvolvendo estes traballos de maneira progresiva en todas as parroquias, atendendo ás necesidades detectadas e ás comunicacións trasladadas pola veciñanza.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2
    • Arquivo adxunto-3
    • Arquivo adxunto-4
    • Arquivo adxunto-5

  • Imagen
    NP - RIBADUMIA REFORZA O CONTROL DAS COLONIAS FELINAS CON 16 ACTUACIÓNS REALIZADAS EN 2025 25/2/26

    O Concello de Ribadumia fai balance das actuacións realizadas durante o ano 2025 en materia de control de colonias felinas, segundo os datos facilitados polo Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN), entidade encargada da xestión deste servizo.

    Ao longo do pasado exercicio rexistráronse un total de 16 intervencións en distintas colonias do municipio, concretamente nos lugares do Freixo, Outeiro, Capilla de Barrantes, Travesía e Barreiro (Leiro).

    As actuacións comezaron no mes de xaneiro, con tres intervencións na colonia do Freixo. No mes de agosto realizouse unha actuación destacada na colonia de Outeiro, onde se interviñeron cinco exemplares nunha mesma xornada. Posteriormente, no mes de setembro, efectuáronse dúas intervencións na zona da Capilla de Barrantes, cinco na zona de Travesía e unha máis en Barreiro-Leiro.

    Todos os animais foron identificados mediante microchip e se lle realizaron os correspondentes controis veterinarios, seguindo o protocolo de captura, esterilización e retorno (método CES), co obxectivo de garantir o benestar animal e evitar a proliferación descontrolada.

    Desde o Concello de Ribadumia destácase que este traballo continuado permite mellorar a convivencia veciñal, reforzar o control sanitario e cumprir coa normativa vixente en materia de protección animal. Así mesmo, agradécese a colaboración das persoas voluntarias que participan activamente no coidado e seguimento das colonias felinas do municipio.

    O goberno local reafirma o seu compromiso coa xestión responsable e ética das colonias felinas, traballando de maneira coordinada co CAAN para garantir solucións eficaces e sostibles no tempo.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    Campamentos A Lanzada 2026 23/2/26

    Visitar sitio web

    OBXECTO: Convocatoria de 2026 do programa “Campamentos A Lanzada”, con 1.540 prazas para nenas e nenos da provincia, e establecer as condicións para participar nel.


    PARTICIPANTES: Poderán participar nenas e nenos que cumpran os seguintes requisitos:

    • Nacer entre os anos 2013 e 2018 (ambos os dous incluídos).

    • Estar empadroadas ou empadroados nalgún dos concellos da provincia de Pontevedra.

    • Non padecer ningunha enfermidade infecto-contaxiosa en fase activa.

     

    QUENDAS: Os campamentos terán lugar entre o 21 de xuño e o 5 de setembro de 2026. Realizaranse once quendas, de sete días de duración cada unha (de domingo a sábado), nas seguintes datas:

    • Primeira quenda: do 21 ao 27 de xuño

    • Segunda quenda: do 28 de xuño ao 4 de xullo

    • Terceira quenda: do 5 ao 11 de xullo

    • Cuarta quenda: do 12 ao 18 de xullo

    • Quinta quenda: do 19 ao 25 de xullo

    • Sexta quenda: do 26 de xullo ao 1 de agosto

    • Sétima quenda: do 2 ao 8 de agosto

    • Oitava quenda: do 9 ao 15 de agosto

    • Novena quenda: do 16 ao 22 de agosto

    • Décima quenda: do 23 ao 29 de agosto

    • Décimo primeira quenda: do 30 de agosto ao 5 de setembro


    ACTIVIDADES E SERVIZOS OFERTADOS:

    a) Un programa de actividades socioculturais, recreativas, formativas, ambientais, científicas e de convivencia que posibilite a participación de todas as rapazas e rapaces. Algunha destas actividades impartirase en lingua inglesa.

    Todas as actividades prestaraas un equipo técnico especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre, náuticas, científicas e en lingua inglesa. Así mesmo, no caso de menores con necesidades especiais por razón da súa discapacidade disporase do persoal de apoio necesario adaptado ás súas singularidades.

    b) Aloxamento en tendas de campaña e manutención en réxime de pensión completa.

    c) Saídas educativas e de lecer.

    d) Todo o material necesario para realizar as actividades.

    e) Atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.


    PREZO:

    • 110 euros por praza.

    • 80 euros por praza para menores de familia numerosa ou monoparental.


    PRAZO DE PRESENTACIÓN: O prazo de presentación das solicitudes comezará o 2 de marzo e rematará o 20 de marzo de 2025.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    NP - O NÚMERO DE CASAMENTOS CIVÍS EN RIBADUMIA ACADA EN 2025 A SÚA CIFRA MÁIS ALTA DOS ÚLTIMOS DEZ ANOS 02/2/26

    O Concello de Ribadumia pechou o ano 2025 cun total de 28 matrimonios civís celebrados, a cifra máis alta rexistrada no municipio na última década e que supón un incremento do 55% respecto ao ano que lle precede. Este dato confirma a boa acollida deste servizo municipal e o interese crecente das parellas por formalizar o seu enlace civil no concello.

    A evolución dos últimos dez anos amosa unha tendencia estable, con oscilacións segundo o contexto social de cada exercicio, pero cun balance global positivo. Así, no período comprendido entre 2015 e 2024 celebráronse entre 10 e 20 vodas anuais, cunha media destacable e picos como os rexistrados en 2021 e 2016 (19 enlaces) ou 2022 e 2024 (18). O dato de 2025 supón, polo tanto, un salto significativo e consolida Ribadumia como un concello escollido por cada vez máis parellas para a celebración de matrimonios civís.

    En canto ás condicións do servizo, as tarifas para a realización do enlace civil oscilan entre os 60 e os 170 euros, en función de distintos factores como o empadroamento ou non das persoas contraentes e o lugar escollido para a cerimonia, ben sexa na Casa Consistorial ou noutro espazo autorizado.

    As persoas interesadas poden informarse e realizar os trámites necesarios no Xulgado de Paz do Concello de Ribadumia, situado nas oficinas da Casa Consistorial. Dende este servizo municipal lévanse a cabo as tarefas de información, tramitación administrativa e xestión legal, estas dúas últimas só para as persoas empadroadas, necesarias para a celebración do matrimonio civil, facilitando un procedemento próximo, accesible e adaptado ás necesidades das parellas.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    NP - A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA MELLORA A SEGURIDADE NA EP-9501 AO SEU PASO POR CABANELAS TRAS O TRASLADO DE PETICIÓNS VECIÑAIS DENDE O CONCELLO DE RIBADUMIA 30/1/26

    O Concello de Ribadumia informa da finalización dunha importante actuación de mellora da seguridade viaria e peonil na estrada provincial EP-9501, no lugar de Cabanelas, no que se viñan rexistrando incidentes de tráfico e situacións de risco tanto para vehículos como para peóns. 

    Esta intervención, executada pola Deputación de Pontevedra, responde ás reiteradas peticións veciñais trasladadas polo Concello de Ribadumia ao ente provincial, que atendeu esta demanda acometendo un proxecto integral de mellora neste tramo. 

    Entre as actuacións realizadas destacan a creación de beirarrúas para garantir a seguridade peonil, a mellora do sistema de recollida de augas pluviais, a colocación de puntos de iluminación nunha zona con elevada sinistralidade, así como o soterramento das instalacións eléctricas. 

    Desde o Concello de Ribadumia valórase moi positivamente esta actuación nun punto estratéxico da rede viaria municipal, subliñando a importancia da coordinación entre administracións para dar resposta ás necesidades reais da veciñanza. 

    O goberno local reitera o seu compromiso de escoitar as demandas cidadás e trasladalas ás administracións competentes, traballando para mellorar a seguridade, a mobilidade e a calidade de vida nos distintos núcleos do municipio.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    NP - RIBADUMIA REFORZA A SÚA PROXECCIÓN TURÍSTICA EN FITUR 2026 29/1/26

    O Concello de Ribadumia realizou un balance moi positivo da súa participación na 46ª edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR 2026), celebrada no IFEMA Madrid, onde o municipio estivo presente un ano máis dentro da estratexia conxunta de promoción turística de Galicia e da comarca do Salnés. 

    Ao longo das xornadas profesionais, celebradas do 21 ao 23 de xaneiro, Ribadumia contou con presenza institucional no stand da Xunta de Galicia, onde se puxo á disposición do público material promocional dos principais atractivos culturais, patrimoniais e festivos do municipio como a Festa do Viño Tinto do Salnés ou a Festa do Pan, así como material co que posicionar Ribadumia como destino axeitado para o turismo deportivo. 

    O ente municipal contou con representación na presentación da campaña da Mancomunidade do Salnés, baixo o lema “Experiencias en O Salnés”, que promove a comarca como un destino turístico de alto nivel facendo especial fincapé na gastronomía e no enoturismo como sinais de identidade. Este acto contou coa presenza de representantes institucionais, profesionais do sector turístico e empresarial. Resultou moi representativa a presenza de membros da Embaixada da República Popular de China en España, coa destacada asistencia do excelentísimo embaixador D. Yao Jin, que permitiron seguir abrindo novas vías de promoción internacional e reforzando a aposta pola desestacionalización do turismo. 

    Durante a presentación, as persoas asistentes puideron gozar dunha degustación de produtos da comarca, entre eles viños e conservas de Ribadumia, poñendo en valor a calidade, autenticidade e potencial da produción local como parte esencial da oferta turística do Salnés. 

    Así mesmo, Ribadumia estivo presente na presentación da campaña “Galicia Calidade”, promovida por Turismo de Galicia, que serviu para reivindicar a identidade, a excelencia e o potencial da comunidade como destino turístico de referencia.  

    Ribadumia aproveitou a súa presenza en FITUR para concertas entrevistas persoais con diversos axentes relacionados co secto, que permitan explorar novas vía de dinamización do turismo e de distinción de calidade e sostenibilidade do noso patrimonio. 

    FITUR supuxo unha oportunidade estratéxica para seguir posicionando o municipio en mercados nacionais e internacionais, establecer contactos profesionais, coñecer novas tendencias do sector e avanzar nun modelo de turismo sostible, de calidade e vinculado ao territorio. 

    O goberno local continúa así apostando pola promoción turística como motor de desenvolvemento económico e social, traballando de maneira coordinada con outras entidades e levando Ribadumia ao mundo.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    NP - RIBADUMIA ACTIVA UN RETÉN DE SEGURIDADE PARA ATENDER AS INCIDENCIAS DERIVADAS DO TEMPORAL 27/1/26

    O Concello de Ribadumia, ante a alerta meteorolóxica declarada e coa finalidade de estar preparado para dar unha resposta rápida ás posibles incidencias provocadas polas inclemencias meteorolóxicas rexistradas nos últimos días, habilitou onte un retén de seguridade formado por persoal municipal, que permaneceu en alerta para atender as necesidades da veciñanza e garantir a súa seguridade. 

    Entre as principais actuacións levadas a cabo destacan o corte preventivo de diversas estradas e vías, especialmente aquelas situadas nas proximidades de cauces fluviais que quedaron asolagadas debido ás crecidas, así como a sinalización de puntos e estradas de especial risco por mor das intensas choivas.
    Así mesmo, o persoal municipal realizou labores de retirada de árbores e pólas caídas nas vías de circulación, co obxectivo de restablecer a normalidade e evitar situacións de perigo para vehículos e peóns. 

    Durante a mañá de hoxe, os operarios municipais continúan cos traballos de revisión en distintos puntos das parroquias, mantendo a vixilancia activa e atendendo aos avisos e comunicacións realizadas pola veciñanza. 

    Desde o Concello de Ribadumia queremos agradecer ademais o labor dos voluntarios de Protección Civil que tamén desempeñan unha función esencial nestes momentos. Tamén queremos agradecer a colaboración cidadá e reiterar o compromiso municipal coa prevención, a seguridade e a rápida resposta ante situacións de emerxencia, lembrando a importancia de extremar a precaución mentres persistan as condicións meteorolóxicas adversas.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    NP - O SERVIZO DE ASISTENCIA TÉCNICA DE CATASTRO DO CONCELLO DE RIBADUMIA ATENDEU A MÁIS DE 200 USUARIOS NO 2025 23/1/26

    O Concello de Ribadumia ofrece á súa veciñanza diversos servizos de atención á cidadanía, entre os que se atopa o servizo de asistencia técnica en materia de Catastro, un recurso municipal gratuíto pensado para facilitar á veciñanza a realización de trámites catastrais e a resolución de dúbidas relacionadas cos seus bens inmobles.

    Este servizo préstase todos os luns nas oficinas do Concello, ofrecendo atención personalizada e asesoramento técnico especializado. Durante o exercicio 2025, rexistráronse arredor de 206 citas de consulta, o que pon de manifesto a demanda e a importancia deste recurso para os veciños e veciñas de Ribadumia.

    As consultas atendidas son moi variadas, aínda que as máis habituais céntranse no asesoramento en trámites catastrais intermedios, como requirimentos ou audiencias, así como na análise e estudo das notificacións recibidas e na correcta atención das mesmas. Tamén se realizan actuacións de subsanación de discrepancias catastrais, cando existe falta de concordancia entre a descrición catastral e a realidade inmobiliaria, incluíndo a revisión de documentación xurídica e técnica e a presentación dos correspondentes expedientes.

    Ademais, o servizo ofrece apoio na tramitación de declaracións de carácter xurídico, como transmisións de bens inmobles, e de declaracións físico-económicas, no caso de segregacións de parcelas ou novas edificacións. Outro dos labores frecuentes é a identificación de parcelas para a asignación de referencias catastrais, un trámite fundamental para a correcta regularización dos inmobles.

    Facer uso deste servizo municipal permite á veciñanza aforrar desprazamentos, gañar seguridade xurídica e contar cun acompañamento técnico próximo e de confianza. O goberno local reafirma así o seu compromiso cunha administración accesible, útil e orientada a facilitar os trámites do día a día da cidadanía.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2

Imagen perfil

  • Opcións
  • Grupos
  • Correo web
    • Bandexa entrada
    • Redactar mensaxe
  • Axenda
  • Incidencias / avarías
    • Alta de incidencia
    • Ver seguimento
  • Meus Documentos
  • Administración
  • Desconectar

© 2017 Cluster365.com