ECOEMBES comezou o reparto dos contedores para a recollida de envases lixeiros na Canle HORECA segundo o convenio asinado co Concello de Ribadumia 22/11/19
O Concello de Ribadumia atópase adherido ó convenio Marco firmado entre a Xunta de Galicia e Ecoembes que regula o funcionamento do sistema integrado de xestión; con base neste convenio marco e co obxectivo de colaborar para adecuar os medios existentes na prestación do servizo e favorecer a participación dos pequenos xeradores na recollida selectiva dos residuos, o Concello de Ribadumia asinou un novo acordo con Ecoembes para a posta en marcha do proxecto destinado á mellora desta recollida selectiva a través do fomento de participación dos establecementos do sector HORECA.
O proceso de reparto dos novos contedores para envases lixeiros está, a día de hoxe, practicamente rematado, destacando a importante implicación dos establecementos ribadumienses, xa que o 100% dos posibles candidatos a ser incluídos no programa da canle HORECA nesta primeira fase mostratron o seu interese e se adheriron finalmente ó mesmo.
Cabe destacar que, dos 34 establecementos adheridos, o 47% son locais de hostelería situados na zona urbana, un total de 16. Con todo, é moi salientable tamén a implicación de cafeterías, restaurantes e incluso hostais e hoteis das zonas rurais do concello, que representan o outro 53% dos establecementos adheridos.
Por parroquias, destacan Ribadumia e Barrantes con, respectivamente, 14 e 11 locais adheridos, seguidas por Sisán con 6 e Leiro e Lois con, finalmente, 2 e 1 establecementos cada unha. É tamén salientable a adhesión de 2 locais no polígono industrial de Cabanelas.
Desde o equipo de goberno valórase o compromiso de todos estes locais adheridos coa reciclaxe e coa recollida responsable dos residuos sólidos, esperando que, nunha próxima fase, se adhiran máis establecementos, posto que é importante a concienciación e mellora na recollida dos residuos a todos os niveis.