NP - RIBADUMIA DESPIDE UNHA NOVA EDICIÓN DA FASE PREVIA DO AROUSA FÚTBOL 7 09/4/26
O Concello de Ribadumia fai unha valoración moi positiva da Fase Previa da 29ª edición do Arousa Fútbol 7, celebrada do 2 ao 5 de abril no Complexo Deportivo de A Senra, convertendo o municipio no epicentro do fútbol base durante catro intensas xornadas.
O evento reuniu a máis de 1.000 xogadores e xogadoras distribuídos en 65 equipos procedentes de Galicia, Asturias, Cantabria, Castela e Portugal, xunto a preto de 130 persoas nos seus corpos técnicos. Durante 40 horas de competición disputáronse 168 partidos, nos que se puido ver un alto nivel deportivo, así como unha destacada actitude de respecto, compañeirismo e deportividade.
A afluencia de público foi constante ao longo de toda a competición, xerando un gran ambiente no Complexo Deportivo de A Senra e contribuíndo, un ano máis, a consolidar o torneo como unha das grandes referencias do fútbol base a nivel autonómico e estatal, consolidando o turismo deportivo que atrae Ribadumia. O evento supuxo tamén un importante impacto para a economía local e da comarca, con elevada ocupación nos servizos de aloxamento e un notable movemento na hostalaría e no comercio do municipio e da contorna.
Dende o Concello queren felicitar especialmente aos equipos clasificados para a fase final: o ED Val Miñor Nigrán, o Ourense CF “A”, o C.D. Pabellón Promesas e o C.D. Quirinal "A" que acadaron o pase tras unhas xornadas de gran nivel competitivo. Parabéns tamén ao resto dos equipos participantes, que fixeron desta Fase Previa unha auténtica festa do deporte base cun alto nivel de xogo.
Dende o Concello de Ribadumia queremos agradecer o labor da organización do AF7, dos clubs participantes, das familias e de todas as persoas voluntarias implicadas, cuxa colaboración resulta fundamental para o correcto desenvolvemento dun evento destas características. O seu compromiso fai posible que Ribadumia siga a ser un referente na organización de eventos deportivos e na promoción dos valores do deporte base.
Vémonos de novo no Complexo Deportivo de A Senra os días 22, 23 e 24 de maio, para a celebración da Fase Final do Arousa Fútbol 7 2026, na que participarán equipos nacionais e internacionais de primeiro nivel.
Arquivo/s adxunto/s