Logo RB
Logo Ribadumia
  • Galego
    • Español ES Español
    • Galego GL Galego
  • O tempo
    • Ribadumia
    • Santiago de Compostela
    • A Coruña
    • Lugo
    • Ourense
    • Pontevedra
    • Galicia
    • Perfil
    • Correo web
    • Axenda
    • Alta de incidencia
    • Historial de conexións
    • Meus Documentos
    • Administración
    • Bloquear pantalla
    Desconectar

ACTUALIDADE - ÚLTIMAS NOVAS

  1. Páxina inicial
  2. Grupos
  3. ACTUALIDADE
  4. ÚLTIMAS NOVAS

Relación de entradas

  • Agregar entrada
  • Agregar apartado

807 Entradas


  • Imagen
    NP - O NÚMERO DE CASAMENTOS CIVÍS EN RIBADUMIA ACADA EN 2025 A SÚA CIFRA MÁIS ALTA DOS ÚLTIMOS DEZ ANOS 02/2/26

    O Concello de Ribadumia pechou o ano 2025 cun total de 28 matrimonios civís celebrados, a cifra máis alta rexistrada no municipio na última década e que supón un incremento do 55% respecto ao ano que lle precede. Este dato confirma a boa acollida deste servizo municipal e o interese crecente das parellas por formalizar o seu enlace civil no concello.

    A evolución dos últimos dez anos amosa unha tendencia estable, con oscilacións segundo o contexto social de cada exercicio, pero cun balance global positivo. Así, no período comprendido entre 2015 e 2024 celebráronse entre 10 e 20 vodas anuais, cunha media destacable e picos como os rexistrados en 2021 e 2016 (19 enlaces) ou 2022 e 2024 (18). O dato de 2025 supón, polo tanto, un salto significativo e consolida Ribadumia como un concello escollido por cada vez máis parellas para a celebración de matrimonios civís.

    En canto ás condicións do servizo, as tarifas para a realización do enlace civil oscilan entre os 60 e os 170 euros, en función de distintos factores como o empadroamento ou non das persoas contraentes e o lugar escollido para a cerimonia, ben sexa na Casa Consistorial ou noutro espazo autorizado.

    As persoas interesadas poden informarse e realizar os trámites necesarios no Xulgado de Paz do Concello de Ribadumia, situado nas oficinas da Casa Consistorial. Dende este servizo municipal lévanse a cabo as tarefas de información, tramitación administrativa e xestión legal, estas dúas últimas só para as persoas empadroadas, necesarias para a celebración do matrimonio civil, facilitando un procedemento próximo, accesible e adaptado ás necesidades das parellas.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    NP - A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA MELLORA A SEGURIDADE NA EP-9501 AO SEU PASO POR CABANELAS TRAS O TRASLADO DE PETICIÓNS VECIÑAIS DENDE O CONCELLO DE RIBADUMIA 30/1/26

    O Concello de Ribadumia informa da finalización dunha importante actuación de mellora da seguridade viaria e peonil na estrada provincial EP-9501, no lugar de Cabanelas, no que se viñan rexistrando incidentes de tráfico e situacións de risco tanto para vehículos como para peóns. 

    Esta intervención, executada pola Deputación de Pontevedra, responde ás reiteradas peticións veciñais trasladadas polo Concello de Ribadumia ao ente provincial, que atendeu esta demanda acometendo un proxecto integral de mellora neste tramo. 

    Entre as actuacións realizadas destacan a creación de beirarrúas para garantir a seguridade peonil, a mellora do sistema de recollida de augas pluviais, a colocación de puntos de iluminación nunha zona con elevada sinistralidade, así como o soterramento das instalacións eléctricas. 

    Desde o Concello de Ribadumia valórase moi positivamente esta actuación nun punto estratéxico da rede viaria municipal, subliñando a importancia da coordinación entre administracións para dar resposta ás necesidades reais da veciñanza. 

    O goberno local reitera o seu compromiso de escoitar as demandas cidadás e trasladalas ás administracións competentes, traballando para mellorar a seguridade, a mobilidade e a calidade de vida nos distintos núcleos do municipio.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    NP - RIBADUMIA REFORZA A SÚA PROXECCIÓN TURÍSTICA EN FITUR 2026 29/1/26

    O Concello de Ribadumia realizou un balance moi positivo da súa participación na 46ª edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR 2026), celebrada no IFEMA Madrid, onde o municipio estivo presente un ano máis dentro da estratexia conxunta de promoción turística de Galicia e da comarca do Salnés. 

    Ao longo das xornadas profesionais, celebradas do 21 ao 23 de xaneiro, Ribadumia contou con presenza institucional no stand da Xunta de Galicia, onde se puxo á disposición do público material promocional dos principais atractivos culturais, patrimoniais e festivos do municipio como a Festa do Viño Tinto do Salnés ou a Festa do Pan, así como material co que posicionar Ribadumia como destino axeitado para o turismo deportivo. 

    O ente municipal contou con representación na presentación da campaña da Mancomunidade do Salnés, baixo o lema “Experiencias en O Salnés”, que promove a comarca como un destino turístico de alto nivel facendo especial fincapé na gastronomía e no enoturismo como sinais de identidade. Este acto contou coa presenza de representantes institucionais, profesionais do sector turístico e empresarial. Resultou moi representativa a presenza de membros da Embaixada da República Popular de China en España, coa destacada asistencia do excelentísimo embaixador D. Yao Jin, que permitiron seguir abrindo novas vías de promoción internacional e reforzando a aposta pola desestacionalización do turismo. 

    Durante a presentación, as persoas asistentes puideron gozar dunha degustación de produtos da comarca, entre eles viños e conservas de Ribadumia, poñendo en valor a calidade, autenticidade e potencial da produción local como parte esencial da oferta turística do Salnés. 

    Así mesmo, Ribadumia estivo presente na presentación da campaña “Galicia Calidade”, promovida por Turismo de Galicia, que serviu para reivindicar a identidade, a excelencia e o potencial da comunidade como destino turístico de referencia.  

    Ribadumia aproveitou a súa presenza en FITUR para concertas entrevistas persoais con diversos axentes relacionados co secto, que permitan explorar novas vía de dinamización do turismo e de distinción de calidade e sostenibilidade do noso patrimonio. 

    FITUR supuxo unha oportunidade estratéxica para seguir posicionando o municipio en mercados nacionais e internacionais, establecer contactos profesionais, coñecer novas tendencias do sector e avanzar nun modelo de turismo sostible, de calidade e vinculado ao territorio. 

    O goberno local continúa así apostando pola promoción turística como motor de desenvolvemento económico e social, traballando de maneira coordinada con outras entidades e levando Ribadumia ao mundo.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    NP - RIBADUMIA ACTIVA UN RETÉN DE SEGURIDADE PARA ATENDER AS INCIDENCIAS DERIVADAS DO TEMPORAL 27/1/26

    O Concello de Ribadumia, ante a alerta meteorolóxica declarada e coa finalidade de estar preparado para dar unha resposta rápida ás posibles incidencias provocadas polas inclemencias meteorolóxicas rexistradas nos últimos días, habilitou onte un retén de seguridade formado por persoal municipal, que permaneceu en alerta para atender as necesidades da veciñanza e garantir a súa seguridade. 

    Entre as principais actuacións levadas a cabo destacan o corte preventivo de diversas estradas e vías, especialmente aquelas situadas nas proximidades de cauces fluviais que quedaron asolagadas debido ás crecidas, así como a sinalización de puntos e estradas de especial risco por mor das intensas choivas.
    Así mesmo, o persoal municipal realizou labores de retirada de árbores e pólas caídas nas vías de circulación, co obxectivo de restablecer a normalidade e evitar situacións de perigo para vehículos e peóns. 

    Durante a mañá de hoxe, os operarios municipais continúan cos traballos de revisión en distintos puntos das parroquias, mantendo a vixilancia activa e atendendo aos avisos e comunicacións realizadas pola veciñanza. 

    Desde o Concello de Ribadumia queremos agradecer ademais o labor dos voluntarios de Protección Civil que tamén desempeñan unha función esencial nestes momentos. Tamén queremos agradecer a colaboración cidadá e reiterar o compromiso municipal coa prevención, a seguridade e a rápida resposta ante situacións de emerxencia, lembrando a importancia de extremar a precaución mentres persistan as condicións meteorolóxicas adversas.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    NP - O SERVIZO DE ASISTENCIA TÉCNICA DE CATASTRO DO CONCELLO DE RIBADUMIA ATENDEU A MÁIS DE 200 USUARIOS NO 2025 23/1/26

    O Concello de Ribadumia ofrece á súa veciñanza diversos servizos de atención á cidadanía, entre os que se atopa o servizo de asistencia técnica en materia de Catastro, un recurso municipal gratuíto pensado para facilitar á veciñanza a realización de trámites catastrais e a resolución de dúbidas relacionadas cos seus bens inmobles.

    Este servizo préstase todos os luns nas oficinas do Concello, ofrecendo atención personalizada e asesoramento técnico especializado. Durante o exercicio 2025, rexistráronse arredor de 206 citas de consulta, o que pon de manifesto a demanda e a importancia deste recurso para os veciños e veciñas de Ribadumia.

    As consultas atendidas son moi variadas, aínda que as máis habituais céntranse no asesoramento en trámites catastrais intermedios, como requirimentos ou audiencias, así como na análise e estudo das notificacións recibidas e na correcta atención das mesmas. Tamén se realizan actuacións de subsanación de discrepancias catastrais, cando existe falta de concordancia entre a descrición catastral e a realidade inmobiliaria, incluíndo a revisión de documentación xurídica e técnica e a presentación dos correspondentes expedientes.

    Ademais, o servizo ofrece apoio na tramitación de declaracións de carácter xurídico, como transmisións de bens inmobles, e de declaracións físico-económicas, no caso de segregacións de parcelas ou novas edificacións. Outro dos labores frecuentes é a identificación de parcelas para a asignación de referencias catastrais, un trámite fundamental para a correcta regularización dos inmobles.

    Facer uso deste servizo municipal permite á veciñanza aforrar desprazamentos, gañar seguridade xurídica e contar cun acompañamento técnico próximo e de confianza. O goberno local reafirma así o seu compromiso cunha administración accesible, útil e orientada a facilitar os trámites do día a día da cidadanía.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2

  • Imagen
    NP - RIBADUMIA CONVOCA A TERCEIRA EDICIÓN DO CONCURSO E DESFILE DE DISFRACES E CARROZAS INFANTÍS 21/1/26

    O Concello de Ribadumia convoca a terceira edición do Concurso e desfile de disfraces e carrozas infantís de Entroido, que terá lugar o luns 16 de febreiro do 2026. Este evento, xa consolidado como unha das citas destacadas do Entroido local, pretende fomentar a creatividade e o espírito festivo entre os máis pequenos e as súas familias, enchendo a localidade de ledicia, cor e música.

    O desfile dará comezo ás 16:30 horas na Casa de Cultura de Ribadumia e percorrerá as rúas do municipio ata chegar á Carballeira de Barrantes, onde se celebrará posteriormente a entrega de premios. Ademais, para que os pequenos e pequenas ribadumienses gocen dunha tarde para o recordo, tras a finalización do evento terá lugar un espectáculo de animación infantil a cargo de Javi Solla.

    As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición a través da sede electrónica do Concello ou de maneira presencial nas oficinas municipais de luns a venres en horario de 08:00 a 15:00 horas. 

    As inscricións permanecerán abertas ata o mesmo día do desfile, 16 de febreiro, ás 15:30 horas, agás no caso das comparsas e carrozas, que deberán anotarse antes do 9 de febreiro.

    As categorías e premios son os seguintes:

    Individual Infantil:
    • 1º premio: 100,00€
    • 2º premio: 75,00€
    • 3º premio: 50,00€

    Parellas Infantís:
    • 1º premio: 150,00€
    • 2º premio: 100,00€
    • 3º premio: 75,00€

    Grupos de máis de 3 persoas:
    • 1º premio: 200,00€
    • 2º premio: 150,00€
    • 3º premio: 100,00€

    Carrozas de 3 a 20 persoas:
    • 1º premio: 300,00€
    • 2º premio: 200,00€
    • 3º premio: 150,00€

    Carrozas de máis de 20 persoas:
    • 1º premio: 400,00€
    • 2º premio: 300,00€
    • 3º premio: 200,00€

    Nas categorías de grupos e carrozas, polo menos o 50% dos integrantes deberán ser menores de 16 anos. 

    O xurado do concurso terá en conta criterios como a animación, espectacularidade, orixinalidade, espontaneidade, conxunción e animación musical. 

    Dende o Concello de Ribadumia convidamos a todas as familias, centros educativos e asociacións a participar neste evento festivo. Será unha oportunidade única para gozar do Entroido con creatividade e diversión. Prepara o teu mellor disfrace, reúne aos teus amigos e familiares, e vén a celebrar unha das festas máis esperadas do ano. Vémonos no Entroido 2026 en Ribadumia!

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2
    • Arquivo adxunto-3

  • Imagen
    NP - O ALCALDE DE RIBADUMIA, DAVID CASTRO, AGRADECE O TRABALLO LEVADO A CABO POLA XUNTA EN RELACIÓN Á LEI DO PATRIMONIO CULTURAL QUE PERMITE AXILIZAR OS TRÁMITES DANDO RESPOSTA ÁS DEMANDAS DOS CONCELLOS 13/1/26

    O alcalde de Ribadumia, David Castro, agradece o traballo levado a cabo pola Xunta en relación á Lei do patrimonio cultural, xa que as modificacións levadas a cabo dan resposta a demandas históricas dos concellos, xa que permitirán adaptar a normativa actual á realidade, axilizando trámites e garantindo unha protección máis eficaz do patrimonio cultural.

    David Castro indicou que estes cambios van a evitar que moitos concellos teñan que renunciar ou perder axudas por non dispoñer a tempo das autorizacións necesarias. “É unha medida que facilita a vida dos concellos e da cidadanía, xa que axiliza o procedemento para reducir os tempos de espera, tanto por parte da cidadanía como das institucións, co obxectivo de que o coidado do noso patrimonio non supoña un impedimento para o desenvolvemento de proxectos vitais ou profesionais”, explicou.

    “A concellos como o de Ribadumia, esta medida da Consellería de Cultura supón unha oportunidade e un desbloqueo moi importantes”, resaltou o alcalde, xa que por exemplo vai permitir axilizar trámites tan básicos como cambiar unha fiestra ou poder reasfaltar unha estrada na que hai un cruceiro protexido. “Son cuestións básicas que supoñían un auténtico problema de permisos e autorizacións”, engadeu. 

    Con estas modificacións, as  entidades locais poderán, xunto co procedemento de concesión de licenza, autorizar intervencións naqueles elementos que conten con protección estrutural e ambiental ou en Bens de Interese Cultural e catalogados ao tratarse de obras menores como limpeza de fachadas, cambios de pavimento ou reparación de vías.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    NP - O CONCELLO DE RIBADUMIA IMPULSA OS SERVIZOS DE CONCILIACIÓN E COIDADO A TRAVÉS DO PLAN CORRESPONSABLES 09/1/26

    O Concello de Ribadumia leva anos apostando por políticas activas de conciliación da vida familiar e laboral, especialmente nun municipio cunha poboación maioritariamente nova e con numerosas familias que escollen Ribadumia polos servizos públicos orientados ao coidado e á igualdade. 

    Neste contexto, solicitouse á Consellería de Política Social e Igualdade a bolsa de coidados profesionais para menores de 0 a 3 anos, sendo finalmente o Concello de Ribadumia beneficiario dunha subvención de 55.000 euros, o importe máximo posible, ao abeiro das axudas do Programa do Plan Corresponsables no eido local, cofinanciadas pola Unión Europea a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027.

    Este recurso ofrece atención de luns a venres en horario de 7:30 a 19:00 horas, permitindo ás familias optar por xornada continua ou partida, así como polo servizo de comedor. Os nenos e nenas poden facer uso do servizo durante un máximo de 11 meses ao ano. Na actualidade, este programa atende a 91 menores de entre 0 e 3 anos e a 33 nenos e nenas de entre 3 e 6 anos. 

    Dende o Concello de Ribadumia destacan a importancia de seguir impulsando programas que favorezan a conciliación e a corresponsabilidade, reafirmando o compromiso municipal co benestar das familias e coa mellora da calidade de vida da veciñanza.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    NP - RIBADUMIA CONTA XA CUN PARQUE INFANTIL DA CARBALLEIRA DE BARRANTES RENOVADO E ATRACTIVO PARA A CATIVADA 30/12/25

    Ribadumia xa inaugurou o novo parque infantil da carballeira de Barrantes, unha actuación que supón unha renovación integral deste espazo de lecer tan utilizado polas familias do municipio. O proxecto permitiu modernizar as instalacións, adaptándoas ás necesidades actuais dos nenos e nenas e garantindo maiores condicións de seguridade.

    Esta actuación foi contratada conxuntamente coa renovación do parque da Praza do Concello e contou cun orzamento base de 169.512,22 euros, financiados integramente a través da Liña 1 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

    Os traballos incluíron a retirada do pavimento de caucho existente, dos xogos actuais e dunha parte da varanda perimetral. No seu lugar, instaláronse dous equipos combinados de xogos, dous pórticos de arrandeadoiros —un con asentos planos e outro de berce—, un balancín xiratorio, un trampolín e un xogo de resorte individual novo, ademais doutro recolocado xunto cun balancín xa existente.

    A actuación completouse coa colocación dunha nova varanda perimetral e dun cartel informativo, reforzando a seguridade do recinto e mellorando a información para as persoas usuarias. Con este proxecto, o Concello de Ribadumia continúa avanzando na mellora dos espazos públicos destinados á infancia, creando áreas de lecer modernas, seguras e pensadas para o goce das familias.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2
    • Arquivo adxunto-3
    • Arquivo adxunto-4
    • Arquivo adxunto-5
    • Arquivo adxunto-6
    • Arquivo adxunto-7
    • Arquivo adxunto-8
    • Arquivo adxunto-9
    • Arquivo adxunto-10

  • Imagen
    NP - RIBADUMIA INAUGURA O NOVO PARQUE INFANTIL DA PRAZA DO CONCELLO 30/12/25

    O Concello de Ribadumia inaugurou hoxe o novo parque infantil da Praza do Concello, unha actuación coa que se dá un paso máis na mellora dos espazos públicos destinados ao lecer da infancia. O proxecto permitiu a renovación integral desta área, creando unha contorna máis segura, accesible e atractiva para os nenos e nenas do municipio.

    Os traballos incluíron a retirada dos xogos biosaludables, dos antigos xogos infantís e do pavimento existente, así como a instalación dun novo sistema de drenaxe para evitar a acumulación de auga. Ademais, dotouse o parque dun novo pavimento de seguridade con céspede artificial e paneis de polietileno, garantindo unha maior protección durante o xogo.

    O parque conta agora cun completo conxunto de elementos lúdicos, entre os que destacan un equipo combinado de xogos, unha tirolesa, un pórtico con asento plano, berce e cesta, dous balancíns, dous trampolíns, un resorte individual e unha mariola, ampliando así as posibilidades de xogo para diferentes idades.

    Esta actuación foi contratada conxuntamente coa renovación do parque da Carballeira de Barrantes e contou cun orzamento base de 169.512,22 euros, financiados integramente a través da Liña 1 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

    Con esta actuación, o Concello de Ribadumia reafirma o seu compromiso co benestar da infancia e coa creación de espazos públicos de calidade, apostando por áreas de lecer modernas e seguras que contribúan ao desenvolvemento e á calidade de vida das familias do municipio.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2
    • Arquivo adxunto-3
    • Arquivo adxunto-4
    • Arquivo adxunto-5

  • Imagen
    EXECUCIÓN DO PROXECTO DE AMPLIACIÓN E MELLORA DO PUNTO LIMPO DE RIBADUMIA - ANUALIDADE 2025 26/11/25

    O Concello de Ribadumia vén de executar a anualidade 2025 do proxecto de "Ampliación e mellora do Punto Limpo".

    As obras levadas a cabo supoñen a dotación da instalación dunha rede de video vixilancia que protexa a mesma, así como da colocación dunha sinalización adecuada, a cal indique onde depositar os distintos tipos de residuos (metais, entullos, madeira, plásticos, aceite usado de vehículos ou cociña, papel e cartón, vidro, roupa e téxtiles, baterías de coches, residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, pilas, radiografías, pinturas e disolventes, tóner e refugables de impresión, fluorescentes e voluminosos). Ademais, tamén se sinalizou no muro de peche o nome do establecemento e instalouse unha placa co horario de uso e atención. 

    O orzamento total de obra ascendeu a 3.549,30 euros, dos cales 2.146,68 euros foron empregados na instalación do sistema de video vixilancia e o importe restante, 1.402,62 euros, foi o correspondente ás labores de sinalización.

    Os traballos desta anualidade forman parte da subvención total recibida da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a execución deste proxecto dende a anualidade 2022 que ascende a un total de 130.000,00 euros e que proceden das axudas de residuos en base á Orde do 28 de abril de 2022 pola que se estableceron as bases reguladoras para a concesión de axudas para actuacións en materia de recollida de residuos especiais de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea- Next Generation EU.

  • Imagen
    NP - RIBADUMIA REFORZA A XESTIÓN DA BIOMASA E A LIMPEZA DE TERREOS PARA PREVIR INCENDIOS 16/12/25

    O Concello de Ribadumia desenvolve dende o seu departamento técnico de Urbanismo de maneira continuada labores de control, xestión da biomasa e limpeza de terreos co obxectivo de previr incendios forestais e garantir a seguridade das persoas, vivendas e bens.

    Estas actuacións baséanse nun marco normativo consolidado e actualizado, que inclúe a antiga Ordenanza Municipal de Limpeza e Medio Ambiente (OLMA) do 2007, a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (PPDIF), aprobado no 2022 en coordinación coa Xunta de Galicia e publicado no BOPPO no ano 2024, así como a actual Ordenanza Municipal Reguladora da Xestión da Biomasa e Limpeza de Terreos, xa vixente e recollida no BOPPO.

    Este conxunto de normas, xunto coa lexislación autonómica e estatal aplicable segundo a clasificación do solo, é o que rexe o traballo do departamento de Urbanismo nas visitas de comprobación, elaboración de informes técnicos e notificacións aos titulares das parcelas.

    Respecto á actividade desenvolvida nos últimos anos, os datos recollidos polos arquitectos municipais reflicten un seguimento constante desta materia. No ano 2022 tramitáronse 51 expedientes de solicitude de denuncia no rexistro xeral, que deron lugar a 153 notificacións a titulares de parcelas. No 2023 foron 23 expedientes e 38 parcelas notificadas; no 2024, 20 expedientes e 50 parcelas; e no que vai de 2025 xa se rexistraron 24 expedientes, con 57 parcelas notificadas.

    O procedemento iníciase coa denuncia presentada pola persoa interesada no rexistro municipal, achegando datos da súa parcela e daquela que se atopa en mal estado, así como fotografías xustificativas. A continuación, os técnicos municipais realizan unha visita de inspección e elaboran un informe detallado, con documentación gráfica e datos identificativos do terreo. Posteriormente, notifícase aos titulares das parcelas afectadas no radio de actuación de 50 metros establecido pola normativa vixente.

    A partir dese momento, os propietarios deben proceder á limpeza dentro do prazo establecido de 15 días, solicitar unha prórroga debidamente xustificada no caso de non poder realizala neste prazo, e no caso de incumprimento reiterado, activarse os mecanismos previstos na lei, que poden incluír sancións ou a execución subsidiaria por parte do Concello, repercutindo os custos ao titular. Unha vez realizada a limpeza, os servizos técnicos verifican a correcta execución e, se é favorable, procédese ao arquivo do expediente.

    Dende o Concello de Ribadumia lémbrase a importancia da colaboración cidadá e do cumprimento das obrigas legais en materia de xestión da biomasa, unha responsabilidade compartida que resulta clave para a prevención de incendios e a protección do territorio e da veciñanza. Ademais, dende o departamento técnico de Urbanismo recordan que existe un portal da Xunta de Galicia (https://mapas.xunta.gal/visores/faixas/) na que se mostran as parcelas afectadas polo plan de protección contra incendios para que os titulares poidan consultalo e cumprir coas súas obrigas periódicas de mantemento e limpeza.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2

  • Imagen
    NP - O CONCELLO DE RIBADUMIA CONDENA OS ACTOS VANDÁLICOS REXISTRADOS EN DOUS SEMÁFOROS E NO CEMITERIO DE LEIRO 15/12/25

    O Concello de Ribadumia quere manifestar a súa máis firme condena polos actos vandálicos acontecidos durante a pasada noite, nos que se produciu a subtracción dun pulsador e dun módulo de luces en dous semáforos distintos, así como o roubo das billas de auga do cemiterio de Leiro. Uns feitos que, ademais de causar prexuízos materiais, afectan de maneira directa a servizos públicos esenciais.

    A denuncia correspondente xa foi presentada nas dependencias da Xefatura da Garda Civil de Cambados, iniciándose así o procedemento para a investigación dos feitos e a identificación dos responsables.

    Desde o Concello queremos deixar claro que estes actos non teñen cabida no noso municipio, pois van en contra dos valores de convivencia, respecto e coidado do patrimonio público que deben rexer. Por este motivo, facemos un chamamento á responsabilidade cidadá para evitar a repetición de actos como estes e lembramos que o vandalismo implica custes económicos e danos sociais que afectan ao conxunto da poboación.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    NP - RIBADUMIA CONTINÚA AVANZANDO NA ORGANIZACIÓN E DIXITALIZACIÓN DO SEU ARQUIVO MUNICIPAL 15/12/25

    O Concello de Ribadumia vén de completar unha nova fase do proxecto de organización e descrición do Fondo Documental do Arquivo Municipal, unha iniciativa destinada a garantir a conservación, clasificación e dixitalización dos documentos municipais. 

    Esta actuación, cun orzamento de 9.559 euros, sendo financiado un 27% do total pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dá continuidade aos traballos iniciados en edicións anteriores e contribúe a reforzar a xestión técnica dun dos elementos fundamentais da memoria administrativa e histórica do municipio.

    O proxecto desenvolveuse seguindo as directrices e recomendacións fixadas pola Consellería de Cultura, respectando a normativa galega e internacional en materia arquivística: a Lei 7/2014 de arquivos de Galicia, o Decreto 15/2016 sobre o Consello de Avaliación Documental, as resolucións e táboas de avaliación documental vixentes, así como os estándares NOGADA e ISAD-G.

    Na actualidade, o Arquivo Municipal conserva os seus fondos en dous depósitos, baixo as gradas do Pavillón Municipal de deportes e na baixocuberta da Casa do Concello, nos que se almacenan máis de 2.300 caixas de documentación. A pesar do bo estado xeral dos fondos, os movementos producidos durante a reforma municipal e o paso de documentación dende distintas oficinas provocaran certa desorde temática e cronolóxica, polo que era necesario continuar coa súa reorganización profesional.

    Esta intervención permitiu:
    • Proseguir coa descrición arquivística na aplicación ATOM, o sistema oficial empregado polos arquivos da provincia.
    • Reorganizar e instalar documentación recente, depositada de forma dispersa polos servizos municipais.
    • Limpar, ordenar e revisar caixas, carpetas e materiais, remprazando aqueles en mal estado.
    • Facilitar a busca e recuperación da información, mellorando a eficiencia interna da administración e o acceso para a cidadanía.

    A documentación tratada corresponde principalmente a series voluminosas relacionadas con Pleno, Secretaría, Urbanismo, Poboación, áreas económicas e outros expedientes administrativos dos últimos anos. En total, abordouse un volume aproximado de 130 caixas, incluíndo documentación solta e mesturada, o que supuxo entre 500 e 1.000 novos rexistros descritivos incorporados á base de datos.

    Para levar a cabo estes traballos contouse cun equipo especializado, formado por un técnico arquivista con ampla experiencia profesional e un técnico informático encargado do correcto volcado dos datos.

    Coa finalización desta fase, o Concello de Ribadumia continúa avanzando para dispoñer dun arquivo moderno, accesible e completamente organizado, que preserve o seu patrimonio documental e facilite a labor diaria dos servizos municipais.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1

  • Imagen
    NP - O CONCELLO DE RIBADUMIA CONVOCA O III CONCURSO DE CARROZAS DE REIS 09/12/25

    Co Nadal cada vez máis cerca, o Concello de Ribadumia está preparando unha completa programación de actividades e eventos cos que celebrar coa veciñanza as datas festivas. 

    Por este motivo, convócase o III Concurso de carrozas de Reis, as cales acompañarán ás maxestades de Oriente na Cabalgata de Reis 2026, percorrendo as rúas con creacións orixinais e cheas de luz.

    Ao concurso poderán presentarse todas as asociacións veciñais, culturais, clubs deportivos ou entidades de carácter social sen ánimo de lucro que o deseñen e teñan o seu domicilio social no Concello de Ribadumia e se atopen inscritos no Rexistro Municipal de Asociacións. Poderase participar unicamente cunha carroza individualmente ou en agrupación dun máximo de dúas asociacións. 

    A temática de cada carroza é libre pero deberá estar vinculada ao Nadal, sendo imprescindible que sexa realizada polos propios participantes e que a estética sexa diferente á do ano anterior, no caso de ter participado. Ademais, tan só se poderán presentar aquelas propostas nas que os seus integrantes vaian disfrazados. As carrozas deberán ter, como mínimo, 1 metro de altura, 3 metros de longo e 1,5 metros de ancho. 

    A inscrición deberá facerse obrigatoriamente nas oficinas do concello. O prazo de presentación de toda a documentación será ata o martes 23 de decembro e as solicitudes recolleranse de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00 horas. 

    O xurado deste concurso estará composto por un membro representante da organización da Cabalgata de Reis, unha persoa vinculada ao departamento de eventos, cultura ou comunicación do Concello de Ribadumia e tres representantes de distintas asociacións con sede no Concello de Ribadumia, dándose prioridade a aquelas que colaboren na organización da Cabalgata e non se presenten a este concurso. 

    Cada unha das carrozas que realicen o pasacalles obterán unha gratificación de 300€ por participar. Ademais, estableceranse tres premios:

    • Primeiro premio: 400€ + diploma acreditativo.
    • Segundo premio: 300€ + diploma acreditativo.
    • Terceiro premio: 200€ + diploma acreditativo.

    As persoas interesadas poden consultar o resto da información relevante e as bases desta convocatoria na páxina web municipal, no taboleiro de anuncios ou a través das redes sociais oficiais do Concello.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2

  • Imagen
    NP - O CONCELLO DE RIBADUMIA CONVOCA A XXIII EDICIÓN DO CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL 09/12/25

    As celebracións do Nadal están á volta da esquina e, con elas, ponse en marcha a programación especial do Concello de Ribadumia, que este ano lanza a XXIII edición do Concurso de Postais de Nadal. As bases completas poden consultarse no taboleiro de anuncios, na plataforma municipal e nas redes sociais do Concello. 

    O certame está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 16 anos que estean empadroados en Ribadumia e estuden no CPI Julia Becerra Malvar ou no CRA de Ribadumia. Cada participante poderá presentar unha única postal, en formato cuartilla, e competirá na categoría correspondente ao seu nivel educativo (infantil, primaria ou ESO).

    As postais deberán facer referencia ao Nadal e aos valores característicos destas datas, como a solidariedade, a unión familiar, a amizade, o reencontro ou a alegría. Ademais, os traballos deben ser completamente orixinais e non ter participado noutros concursos.

    Para entregar as creacións habilitarase unha urna en cada centro escolar. Tamén haberá outra na casa consistorial, dispoñible ata o mércores 10 de decembro ás 13:00 horas. 

    Cando se anuncien os gañadores de cada categoría, todas as postais presentadas pasarán a ser propiedade do Concello. O obxectivo final do certame é elaborar a felicitación oficial de Nadal coas postais premiadas.

    Coa chegada dunha das épocas máis esperadas pola cativada, o Concello de Ribadumia anima ás novas xeracións a participar nesta iniciativa, que non só as implica na vida do municipio, senón que tamén potencia a súa creatividade.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2

  • Imagen
    NP - O CONCELLO DE RIBADUMIA PREMIARÁ AS DECORACIÓNS DE NADAL MÁIS DESTACADAS EN VIVENDAS E ESCAPARATES 09/12/25

    O Concello de Ribadumia abre un ano máis a convocatoria do VI Concurso de decoración de Nadal en ventás e exteriores de vivendas, así como do VI Concurso de decoración de Nadal en escaparates e interiores de establecementos. Este último lévase a cabo en colaboración coa asociación de comerciantes “Ribadumia Agárdate”.

    A finalidade de ambos certames é incentivar a participación da veciñanza, promovendo que decoren os seus balcóns, ventás, exteriores ou locais comerciais para contribuír ao ambiente festivo do Nadal. Ademais, búscase apoiar o comercio de proximidade, pois os 890 euros en premios deberán investirse en negocios situados no propio municipio.

    O xurado valorará diferentes aspectos como a creación artística, a presentación, creatividade, orixinalidade, as cores e iluminación e os elementos característicos da nosa cultura e tradicións, así como os adornos de Nadal feitos con material reciclado.

    As inscricións poderán realizarse ata o luns 22 de decembro de 2025, de forma presencial nas oficinas municipais, por correo electrónico (cultura@ribadumia.org) ou chamando ao 986 718 491.

    As persoas que participen na categoría de vivendas deberán manter visible a súa decoración entre o 8 de decembro de 2025 e o 7 de xaneiro de 2026.

    Unha vez rematado o prazo de inscrición nos concursos, o xurado reunirase para examinar as candidaturas presentadas e decidir os galardoados da presente edición. No caso do concurso de vivendas, o xurado estrará composto por dous representantes do Concello de Ribadumia e un representante da Asociación de Comerciantes de Ribadumia. Por outra banda, para o concurso de escaparates e interiores de establecementos, o xurado estará formado por un representante do Concello de Ribadumia e dous representantes da Asociación de Comerciantes. 

    Os gañadores e gañadoras dos dous concursos daranse a coñecer o día da Cabalgata de Reis. Para coñecer máis información arredor de todas as condicións e dereitos dos concursos, pódense consultar as bases que se publicarán na web do Concello de Ribadumia e no taboleiro municipal. 

    Premios do Concurso de decoración de Nadal de ventás e exteriores de vivendas: 

    - 1º premio: 200€ en vales de 20€ para empregar no comercio local.
    - 2º premio: 140€ en vales de 20€ para empregar no comercio local.
    - 3º premio: 100€ en vales de 20€ para empregar no comercio local.

    Premios do Concurso de decoración de Nadal de escaparates e interiores de establecementos:

    - 1º premio: 200€ e un diploma de recoñecemento.
    - 2º premio: 150€ e un diploma de recoñecemento.
    - 3º premio: 100€ e un diploma de recoñecemento.

    Dende o Concello animamos a todos os nosos veciños e veciñas a sumarse a esta iniciativa polo Nadal, decorando Ribadumia dunha forma orixinal coa que poidamos atraer a visitantes dos municipios da comarca e potenciar o comercio local de cara as compras destas sinaladas datas.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2
    • Arquivo adxunto-3

  • Imagen
    NP - XA ESTÁ EN MARCHA O CUARTO CICLO DE DESBROCE E LIMPEZA DOS RUEIROS DE RIBADUMIA 05/12/25

    O Concello de Ribadumia xa comezou co cuarto ciclo de desbroce e limpeza dos rueiros municipais no que vai de ano, dentro do plan de mantemento continuo que se aplica de maneira cíclica en todo o territorio. En canto finaliza unha rolda de traballos, actívase de novo outra pasada, garantindo así que todas as parroquias conten con vías limpas, transitables e en bo estado durante os doce meses.

    Estas tarefas céntranse na retirada de vexetación que invade camiños e beiravías, ademais da limpeza xeral que permite manter os accesos despexados para vehículos e peóns. O obxectivo é asegurar que os desprazamentos pola rede viaria municipal se realicen con maior comodidade e seguridade.

    Manter os rueiros en condicións óptimas é esencial para a accesibilidade e o benestar da veciñanza, polo que o operativo de mantemento seguirá activo de maneira permanente. O Concello reafirma así o seu compromiso coa conservación do espazo público e coa creación dun entorno máis seguro, ordenado e cómodo para o uso diario da cidadanía.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2
    • Arquivo adxunto-3
    • Arquivo adxunto-4

  • Imagen
    NP - RIBADUMIA ARRANCA O PROXECTO INTEGRAL DE DOTACIÓN DUN EDIFICIO DE SERVIZOS PARA O CAMPO DE A BOUZA E A HUMANIZACIÓN DO ESPAZO PÚBLICO ANEXO 28/11/25

    Xa deu comezo o proxecto integral de creación do novo edificio para servicios múltiples no entorno do campo de fútbol de A Bouza e do pavillón polideportivo, xunto coa humanización do espazo público anexo.

    𝐎𝐑𝐙𝐀𝐌𝐄𝐍𝐓𝐎: O investimento total ascende a 1.086.523,72 euros, dos cales 700.000 euros proceden do Plan Provincia Extraordinaria – PLAN EXTRA da Deputación de Pontevedra. Os 386.523,72 euros restantes están financiados a través dun convenio con Turismo da Xunta de Galicia.

    𝐀𝐂𝐓𝐔𝐀𝐂𝐈𝐎́𝐍𝐒:
    • Construción dun inmoble de dúas plantas situado entre o pavillón e as bancadas do campo de fútbol, que permitirá dotar estas instalacións de novos accesos, vestiarios, cafetería e zona de despachos.
    • Traballos de urbanización e humanización do espazo público existente entre o colexio e as instalacións deportivas, configurando un parque urbano.
    • Creación dunha rampla peonil para dar acceso á bancada do Campo de A Bouza.

    Este proxecto engloba melloras para a comunidade educativa, a comunidade deportiva e a veciñanza en conxunto grazas á zona de ocio e esparcemento que se consegue coa humanización desta localización.

    Co inicio destas obras, Ribadumia continúa avanzando cara a un municipio máis accesible, funcional e pensado para o uso da súa veciñanza. 

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2
    • Arquivo adxunto-3
    • Arquivo adxunto-4
    • Arquivo adxunto-5
    • Arquivo adxunto-6

  • Imagen
    NP - REMATAN AS OBRAS DE MELLORA DO CAMIÑO MUNICIPAL E DAS REDES DE PLUVIAIS E SANEAMENTO NO NÚCLEO DO FREIXO 21/11/25

    Onte finalizaron os traballos de mellora do camiño municipal e as redes de pluviais e saneamento no núcleo do Freixo, unha intervención integral na que se estivo traballando nas últimas semanas e que estivo destinada a modernizar os servizos básicos e mellorar a accesibilidade nesta zona da parroquia de Ribadumia. 

    𝐎𝐑𝐙𝐀𝐌𝐄𝐍𝐓𝐎: O proxecto contou cun investimento total de 121.000 euros, tendo como obxectivo optimizar o servizo ás vivendas próximas, mellorar o estado do viario e adecuar as redes de abastecemento, pluviais e saneamento ás necesidades actuais.

    𝐀𝐂𝐓𝐔𝐀𝐂𝐈𝐎́𝐍𝐒: 
    • Novo sistema de drenaxe e recollida de augas pluviais.
    • Ampliación da rede de saneamento existente cara aos camiños transversais.
    • Melloras na rede de abastecemento municipal, incluíndo conexións ás vivendas que o precisaban.
    • Separación da rede de pluviais da de fecais.
    • Ancheamento do camiño, co conseguinte retranqueo e derrube duns muros e peches en mal estado. 
    • Nova pavimentación e pintado das marcas viarias.

    Coa execución deste proxecto, o Concello de Ribadumia responde ás necesidades trasladadas polos residentes da zona e continúa avanzando na mellora das infraestruturas rurais, garantindo servizos de calidade e un maior benestar para todas as familias que viven no núcleo do Freixo.

    Arquivo/s adxunto/s

    • Arquivo adxunto-1
    • Arquivo adxunto-2
    • Arquivo adxunto-3
    • Arquivo adxunto-4
    • Arquivo adxunto-5
    • Arquivo adxunto-6

Imagen perfil

  • Opcións
  • Grupos
  • Correo web
    • Bandexa entrada
    • Redactar mensaxe
  • Axenda
  • Incidencias / avarías
    • Alta de incidencia
    • Ver seguimento
  • Meus Documentos
  • Administración
  • Desconectar

© 2017 Cluster365.com