NP - RIBADUMIA CONTINÚA AVANZANDO NA ORGANIZACIÓN E DIXITALIZACIÓN DO SEU ARQUIVO MUNICIPAL 15/12/25
O Concello de Ribadumia vén de completar unha nova fase do proxecto de organización e descrición do Fondo Documental do Arquivo Municipal, unha iniciativa destinada a garantir a conservación, clasificación e dixitalización dos documentos municipais.
Esta actuación, cun orzamento de 9.559 euros, sendo financiado un 27% do total pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dá continuidade aos traballos iniciados en edicións anteriores e contribúe a reforzar a xestión técnica dun dos elementos fundamentais da memoria administrativa e histórica do municipio.
O proxecto desenvolveuse seguindo as directrices e recomendacións fixadas pola Consellería de Cultura, respectando a normativa galega e internacional en materia arquivística: a Lei 7/2014 de arquivos de Galicia, o Decreto 15/2016 sobre o Consello de Avaliación Documental, as resolucións e táboas de avaliación documental vixentes, así como os estándares NOGADA e ISAD-G.
Na actualidade, o Arquivo Municipal conserva os seus fondos en dous depósitos, baixo as gradas do Pavillón Municipal de deportes e na baixocuberta da Casa do Concello, nos que se almacenan máis de 2.300 caixas de documentación. A pesar do bo estado xeral dos fondos, os movementos producidos durante a reforma municipal e o paso de documentación dende distintas oficinas provocaran certa desorde temática e cronolóxica, polo que era necesario continuar coa súa reorganización profesional.
Esta intervención permitiu:
• Proseguir coa descrición arquivística na aplicación ATOM, o sistema oficial empregado polos arquivos da provincia.
• Reorganizar e instalar documentación recente, depositada de forma dispersa polos servizos municipais.
• Limpar, ordenar e revisar caixas, carpetas e materiais, remprazando aqueles en mal estado.
• Facilitar a busca e recuperación da información, mellorando a eficiencia interna da administración e o acceso para a cidadanía.
A documentación tratada corresponde principalmente a series voluminosas relacionadas con Pleno, Secretaría, Urbanismo, Poboación, áreas económicas e outros expedientes administrativos dos últimos anos. En total, abordouse un volume aproximado de 130 caixas, incluíndo documentación solta e mesturada, o que supuxo entre 500 e 1.000 novos rexistros descritivos incorporados á base de datos.
Para levar a cabo estes traballos contouse cun equipo especializado, formado por un técnico arquivista con ampla experiencia profesional e un técnico informático encargado do correcto volcado dos datos.
Coa finalización desta fase, o Concello de Ribadumia continúa avanzando para dispoñer dun arquivo moderno, accesible e completamente organizado, que preserve o seu patrimonio documental e facilite a labor diaria dos servizos municipais.
Arquivo/s adxunto/s